Homesociedade“Un dos meus maiores erros foi meterme na política, xa que desgastaba...

“Un dos meus maiores erros foi meterme na política, xa que desgastaba moito a vida persoal e familiar”, José Manuel Ledo, ex-alcalde de Pantón

Achegamento á traxectoria deste antigo rexedor do Concello de Pantón que compaxinou a medicina coa política. Como alcalde gobernou dende o 1987 ata o 2007 e no eido sanitario chegou a ser xefe de sanidade de Monforte de Lemos.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

O pasado mes de agosto, a asociación Segredos de Pantón falou con José Manuel Ledo López, antigo alcalde de Pantón, na súa casa situada en Casebio (Deade). A conversa foi sosegada e moi enriquecedora.

Para dar comezo cóntenos un pouco sobre a súa vida, o momento no que a súa vida conectou co concello de Pantón.

Nacín en Monforte de Lemos o 12 de Xullo de 1929. Con apenas 10 anos, en tempos da Guerra Civil Española, abandonei a vila monfortina para instalarme xunto aos meus pais e miñas irmás en Pantón, na casa de Casebio, en Deade. A miña familia adquiriu a vivenda a través do banco hipotecario de Monforte de Lemos, propiedade que pertencía a Don Manuel Pardo Quiroga, antigo xuíz do Castro de Ferreira, e que perdera no ano 1932.

A pesar de abandonar a vila do Cabe, continuei os estudos no “Colegio Padres Escolapios de Monforte de Lemos”. Nun primeiro momento, en réxime interno, para a posteriori, por maior comodidade, quedarme na casa de meus pais ubicada na rúa Doutor Casares.

Como cualificaría o seu paso pola institución educativa?

Non fun precisamente un bo estudante, motivo polo cal meu pai decide traerme a Deade para traballar no campo. As duras tarefas labregas fan que retome a idea de volver estudar. Regreso, así, á institución educativa dos Escolapios, onde ao pouco tempo fun expulsado por uns escritos que non eran acordes á relixión.

“As duras tarefas labregas fan que retome a idea de volver estudar”

Coa expulsión, meu pai proporcióname un mestre de latín e un de matemáticas, podendo, así, examinarme no centro dos Escolapios. Posteriormente, fun a academia de Don Julián, profesor de matemáticas, concluíndo o bacharelato coa examinación en Santiago de Compostela, sendo xunto outra veciña de Pantón, Julia Dafonte, filla de Severiano antigo rexedor da Cantina de Serode, os únicos en aprobar do grupo.

Co remate do bacharelato, cal foi o seu camiño a seguir e que o motivou?

Acabei licenciándome en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, tras 7 anos, e despois en Estomatoloxía pola Universidade de Madrid. O camiño pola medicina derivou das influencias paternas, que fixera axudante técnico sanitario (ATS) en Cuba. A odontoloxía, sen embargo, veu da man dun amigo meu, Soto Arias, un odontólogo natural de Tuiriz.

“O camiño pola medicina derivou das influencias paternas, que fixera axudante técnico sanitario (ATS) en Cuba”

Após da finalización dos estudos, onde traballou?

Establecín primeiramente a consulta en Monforte. Fun médico do Servizo Galego de Saúde e co tempo xefe de sanidade de Monforte de Lemos.

Cando decide participar no eido da política?

Compaxinei a medicina coa política, incitado por amigos meus. Así, ingresei en Coalición Progresista Galega, sendo elixido alcalde, tras a morte de José Chao Falcón, o 9 de decembro de 1987. Nas sucesivas convocatorias electorais volvín ser elixido, integrado xa no PPdG, ata o ano 2007, que me retirei, sendo substituído polo actual alcalde do Concello, afín ao mesmo partido. A parte disto, fun presidente da “Asociación Ribeira Sacra Lucense” do Plan Leader.

Entrada a Ferreira de Pantón / XdL

No canto da política, cal cre que foi o seu maior erro e pola contra, o seu maior aporte?

Un dos meus maiores erros foi meterme na política, xa que desgastaba moito a vida persoal e familiar. Non obstante, un dos meus maiores aportes, baixo o meu punto de vista, foi a rede de sumidoiros dalgunhas das parroquias, xunto á estación depuradora. Ademais de dotar da luz pública a todo o termo municipal.

“Un dos meus maiores aportes, baixo o meu punto de vista, foi a rede de sumidoiros dalgunhas das parroquias, xunto á estación depuradora”

Actualmente, a que dedica a maior parte do seu tempo?

Actualmente, retirado completamente da medicina e da política, emprego a maior parte do meu tempo nunha pequena horta e nos viñedos emprazados na parroquia de San Vicente de Deade, manténdome á orde do día a través da radio e xunto á lectura de diversos medios escritos de comunicación.

ÚLTIMAS

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van...

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...