HomesociedadeO Meco da Ermida, en Quiroga, terá un viño co seu nome

O Meco da Ermida, en Quiroga, terá un viño co seu nome

A iniciativa parte da adega Casa de Outeiro e a presentación oficial do ‘Meco Mencía, Viño de romería' será o vindeiro 10 de marzo na Igrexa de Santa María da Ermida.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A adega quiroguesa Casa de Outeiro vén de anunciar que o vindeiro 10 de marzo presentará unha nova referencia no seu catálogo de viños, trátase do ‘Meco Mencía, Viño de romería’.

Un viño que toma ‘prestado’ o nome do protagonista da senlleira romaría que se celebra na parroquia da Ermida os días 8 e 9 de setembro. As festas na honra á Virxe dos Remedios en San Vitorio e A Ermida son de vello coñecidas polo acompañamento e a danza do Meco e As Pampórnigas.

Segundo se conta, a función do Meco é abrir camiño á procesión coa axuda da súa vasoira de toxos ata que chega a Virxe dos Remedios á Igrexa da Ermida. Unha vez alí, o Meco queda fóra e distrae aos feligreses para que non asistan ao acto relixioso. A máscara máis antiga que existe del data do século XVII e foi restaurada grazas á Asociación Souto do Val no ano 2010. Esta entidade encárgase de preservar e dar a coñecer o valor histórico desta tradición e as súas emblemáticas figuras: O Meco e As Pampórnigas.

A figura do Meco coa característica vestimenta, a máscara e o pau de toxos. Foto: XMF

ADEGA CASA DE OUTEIRO

O proxecto nace, segundo os seus promotores, “co obxectivo de manter o territorio, o patrimonio e as tradicións” como demostran tamén tendo adquirido no 2019 para o seu proxecto vitivinícola a antiga Casa de Outeiro “a cambio dunha promesa, reconstruír a casa e os seus 6 séculos de historia”.

E cumprindo este obxectivo de manter as tradicións chega a idea de bautizar a un dos seus viños como Meco. Segundo informan dende a adega, veñen de asinar un acordo de 25 anos coa Asociación Souto do Val e cos alcaldes de barrio polo que doarán 0,05 euros por botella vendida á asociación. Matizan tamén que esta achega será exclusivamente para gastos e investimentos dedicados ao mantemento e promoción da romaría.

O VIÑO E A PRESENTACIÓN

O Meco Mencía, Viño de Romería, é un tinto xoven, producido en Quiroga dentro do territorio da D.O. Ribeira Sacra, da colleita do 2021, de 13º e cunha acidez total de 4,8.

No que se refire ás notas de cata, en nariz ofrece aromas a frambuesa e froitos vermellos, violetas e aromas florais; no aspecto visual capa media, limpo e brillante con bordes violáceos; e en boca resulta fresco e de paso doado, estrutura media e acidez controlada cun retrogusto agradable e longo.

A previsión é sacar ao mercado unhas 40.000 botellas por colleita.

A presentación oficial será o vindeiro 10 de marzo ás 12:00 h. na Igrexa de Santa María da Ermida. No acto asinarase o acordo de colaboración coa Asociación Souto do Val, haberá unha recreación da romaría por parte do Meco e As Pampórnigas e rematarase cun aperitivo para os presentes. Nel poderase degustar o viño Meco Mencía, e para acompañar haberá caldo galego, empanadas, embutidos e pan de Quiroga e comarca.

ÚLTIMAS

Concerto de acordeón no ciclo ‘Primavera Musical’ en Sober

Os amigos e amigas da música instrumental teñen o vindeiro 25 de maio unha...

O concello de Monforte requerirá a Aqualia para dar solucións integrais aos problemas de Escultor Francisco Moure e Reboredo

O contrato do concello de Monforte con Aqualia naceu no 2001, "xa dende o...

Unha nova xornada do ‘Marida Maio’ no Centro do Viño da Ribeira Sacra

Este xoves, 22 de maio, terá lugar ás 19:30 h. a segunda xornada da...

Prazo de inscrición aberto ata o 10 de xuño para participar na XXV edición de Artelemos

Como o ano pasado a cita coa mostra de artesanía durará 6 días, nesta...