HomeCulturaCartel ‘icónico’, e inspirado no filme ‘O Exorcista’, para o IX Fancine...

Cartel ‘icónico’, e inspirado no filme ‘O Exorcista’, para o IX Fancine de Lemos

O deseño gráfico que servirá de imaxe deste festival de cine fantástico e de terror é obra da monfortina Andrea Rodríguez, creativa que se inspirou na brétema monfortina sobre a ponte vella para compoñer un cartel que rende homenaxe tamén á película ‘O Exorcista’, protagonista desta edición.

Publicado o

- Advertisement -

Dende a organización do Fancine de Lemos describen moi ben o cartel que veñen de presentar este mércores 10 de maio, un deseño que servirá para anunciar a IX edición do evento monfortino. A silueta do xa tradicional “Fancinito” (logotipo do festival Fancine de Lemos dende os seus comezos) cruza, maleta na man, a ponte vella da cidade en plena noite. Iluminado unicamente polas luces dos farois que crean un contraste de claroscuros ao máis puro estilo do expresionismo alemán, a imaxe transpórtanos inmediatamente ao desacougante cartel da película de “O Exorcista” (William Friedkin, 1973) onde un fantasmagórico Max von Sydow, no papel do Pai Merrin, perfílase baixo as luces da cidade.

“… Escollín a Ponte Vella, que é unha das iconas de Monforte, e acompañoume o Fancinito interpretando o papel para a ocasión”

A autora é a monfortina Andrea Rodríguez, quen explica así o proceso de creación dende que recibiu o encargo: “Déronme total liberdade para crear e compoñer, só me indicaron que esta edición estaría inspirada no Exorcista, así que tomei como referencia o cartel da película orixinal do 1973. A néboa monfortina, cada inverno, xera unha atmosfera moi tétrica, ideal para ambientar unha película de terror como esta, así que o pasado Nadal fixen un percorrido polos lugares máis emblemáticos da nosa cidade, buscando a localización perfecta. Escollín a Ponte Vella, que é unha das iconas de Monforte, e acompañoume o Fancinito interpretando o papel para a ocasión”.

MÁIS DE 300 CURTAS A CONCURSO

O encontro co mellor cinema fantástico e de terror terá lugar do 5 ao 9 de xullo e contará con máis de 300 curtametraxes que se presentaron a concurso, trinta delas galegas.

Entre todos os participantes, a organización seleccionará entre 20 e 30 películas que se proxectarán os días do festival e que optarán aos premios de Mellor curtametraxe internacional e Mellor curtametraxe galega. O xurado estará composto por tres mulleres con ampla experiencia e coñecemento no mundo do cine.

Contará con máis de 300 curtametraxes que se presentaron a concurso

Ademais das proxeccións das curtametraxes a concurso, entre as proxeccións programadas haberá pre-estreas e pases especiais.

HOMENAXE AO FIME ‘O EXORCISTA’

Considerado pola crítica un dos clásicos do cine de terror, a película “O Exorcista”, cumpre 50 anos da súa estrea, efeméride que deu pé a que esta edición do Fancine lle renda homenaxe. Ademais da chiscadela do cartel anunciador, dentro da programación farase unha proxección especial da película e contarase coa presenza de Marián Salgado, actriz de dobraxe que deu voz á nena de O Exorcista na versión en castelán.

“O Exorcista” cumpre 50 anos da súa estrea

FANTAFESTI, ESPAZO PARA A INNOVACIÓN E NOVOS FORMATOS

O FantaFesti, presente nesta nova edición, é un novo concurso para curtametraxes de xénero fantástico ou de terror gravadas con teléfono móbil. Cada proposta poderá ter unha duración máxima de 20 segundos e deberá cumprir uns requisitos de calidade e formato establecidos nas bases publicadas na web.

As curtametraxes deste concurso seleccionadas serán proxectadas nunha sesión programada dentro do Fancine. Unha vez finalizada esta sesión, o público votará en directo e o traballo que máis votos obteña do público recibirá un premio. O xurado do festival outorgará, ademais, outro premio.

UN REFERENTE DO CINEMA FANTÁSTICO

O Festival de cine Fantástico e de Terror Fancine de Lemos xorde hai nove anos da man de Iván Patiño e Carlos Álvarez, ámbolos dous monfortinos e profesionais do mundo do cinema que queren impulsar na súa terra un evento que axunte o mellor do panorama do cine de xénero nacional e internacional.

Por Monforte de Lemos pasaron durante o festival actores, directores, produtores e críticos de cine como Antonio Durán Morris, Sergio Morcillo, Sabela Arán, Javier Camino, Alfonso Zarauza, Javier García, Chechu Salgado, Olga Osorio, Iolanda Muíños, Pedro Brandariz, Dani De la Torre, Andrés Goteira, Amanda Seijas ou Juanma Buiturón entre outros.

Iván Patiño. Un dos creadores do FanCine de Lemos. Foto: Amanita Studio

Actualmente, a dirección do festival está formada por Iván Patiño como director e Reinaldo Pereira como subdirector.

Iván Patiño é productor executivo en Amanita Studio. É ademais director de varias curtamentraxes e debutou co seu primeiro longo documental no 2014 (Urbano Lugrís. A travesía do océano).

Reinaldo Pereira é programador e comisario en proxectos que relacionan cine, educación e sociedade. É o subdirector do festival internacional de Cine Fantástico Nocturna de Madrid e cofundador da primeira revista española especializada en cine asiático.

Cartel oficial. Obra: Andrea Rodríguez.

ÚLTIMAS

Este 18 de xaneiro preséntase o tomo IX de Alicerces

O acto de presentación terá lugar este sábado, 18 de xaneiro, no Auditorio Municipal...

Un vídeo divulgará a semente, sega, acarrexa, malla e ‘Festa dos Fachós’ de Castro Caldelas

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas é unha das tradicións de culto ao...

Granxas familiares, un modelo en risco?

O 95 % das granxas que hai en Galicia seguen sendo familiares. Grazas á...

A Gándara de Monforte triunfa no Galego de Cross Escolar

Na categoría cadete feminina, o equipo da Gándara formado por Sabela Nieves, Sara Pérez,...