Breo. O celta que desafiou a Roma é a nova obra do escritor lugués Francisco Narla. Está publicada en galego por Aira editorial e traducida por César Lorenzo. Trátase da primeira novela do veterano escritor que aparece en lingua galega e a presentación en Monforte terá lugar este venres 9 de xuño ás 20:00 h. na Librería Agrasar.
Francisco Narla é aviador amais de escritor. Recibiu o I Premio Edhasa de Narrativas Históricas por Laín, el bastardo e tamén é autor de Assur, Ronin e Donde aúllan las colinas, entre outros títulos.
A OBRA QUE SE PRESENTA
Narla proponnos desta volta unha novela histórica ambientada na Gallaecia do século I d. C., nos tempos do emperador Nerón, cando se estaba producindo un dos grandes cambios da nosa historia: a fin da cultura galaica (de ámbito celta, afincada nos castros) e a chegada da cultura romanizada (extensión do latín, colonización militar, construción de novas cidades…). Ademais, a Gallaecia, especialmente a rexión hoxe coñecida como As Médulas, acollía as minas de ouro máis importantes para o Imperio Romano naquel momento, cuxa extracción se sostiña no traballo escravo de miles de persoas.
Nese ambiente, Francisco Narla crea unha historia inesquecible, con amor, con humor, intriga e moita épica. A través do protagonista, Breo, un mozo que queda orfo de cativo tras a destrución do seu castro, o lector visitará lugares tan emblemáticos na nosa historia como o castro de Fazouro (no actual Foz), a puxante cidade de Lucus Augusti ou o labirinto de galerías e horror das minas de ouro de Asturica Augusta (Astorga).
Personaxes moi ben construídos, escenas trepidantes e un amplo coñecemento sobre a época que describe o autor fan de Breo. O celta que desafiou a Roma a gran novela dese período, non demasiado tratado na literatura feita en Galicia a pesar da súa relevancia.
Francisco Narla combina imaxinación e mestría narrativa para contarnos como puido ser ese encontro brutal entre os galaicos (moi vinculados á natureza, cunha dimensión espacial máis limitada, moi tradicionais nos seus costumes) e os invasores romanos (desapiadados, interesados no ouro, pero tamén responsables da construción de infraestruturas moi modernas no seu tempo como pontes ou acuedutos).
Francisco Narla combina imaxinación e mestría narrativa para contarnos como puido ser ese encontro brutal entre os galaicos e os invasores romanos
Esta novela fará as delicias dos lectores que queiran desfrutar dunha historia moi ben documentada, pero sobre todo entretenida. O ritmo áxil e o toque cinematográfico da linguaxe de Narla converten esta novela en algo moi parecido a una superprodución cinematógráfica, con escenarios, personaxes e situacións que encollen a respiración.