HomesociedadeTodo listo para as Festas da Madalena nos Anguieiros

Todo listo para as Festas da Madalena nos Anguieiros

Dende hai anos faise cargo da organización a Asociación Sociocultural Boca do Monte, entidade que aposta por un programa amplo e variado de actividades que terán lugar esta fin de semana, 29 e 30 de xullo.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Un ano máis, a Asociación Boca do Monte dos Anguieiros, na parroquia de Montefurado (Quiroga) organiza un feixe de actividades para celebrar a Festa da Madalena. Contan dende a entidade organizadora que estando prevista inicialmente para os días 22-23 tiveron que pospoñela ao 29-30 de xullo por mor das eleccións xerais do pasado 23 de xullo.

Como vén sendo costume, as actividades son diversas e para todos os públicos contando cunha camiñada pola contorna, xogos infantís, unha presentación literaria, unha merenda popular, unha foliada, un campionato de bolos e os actos relixiosos na honra de María Madalena. Actividades que contan coa colaboración económica do Concello de Quiroga e a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, neste caso a través do programa TRADIGALU de poio e difusión da música tradicional.

O Ventosiño / Foto cedida

PROGRAMA

Para o sábado 29 está programada unha camiñada que comezará ás 9:30 h. e vai dende a entrada dos Anguieiros ata A Balsada (unha aldea abandoada) para os máis intrépidos. Aqueles que consideren que é moi dura seguirán o camiño ata a Enciñeira ou poderán desandar o camiño ata o punto de partida. O itinerario da mesma está no blog da propia asociación.

Xa pola tarde, ás 17:30 h. haberá xogos infantís como a Chave, a billarda, os bolos celtas, tirar coa corda ou xogar aos zancos. E como remate, globos de auga.

Máis tarde, ás 19:30 h. terá lugar a presentación do libro “Bendollo sempre na memoria” de Xerardo Rodríguez, autor con raíces nos Anguieiros.

E para rematar a xornada, a partir das 21:00 h. merenda popular e foliada cos grupos tradicionais “O Ventosiño” de Monforte e “Abertal” da Rúa. A presenza do grupo “O Ventosiño” é posible grazas ao programa TRADIGALU da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Chegando ao domingo 30 teremos o XI Campionato de Bolos Celtas con importantes premios para homes e para mulleres con horario de comezo para as 10:00 h.

Actuación Abertal (arquivo). Foto: Asoc. Boca do Monte.

Despois, ás 12:30 h. alborada con “Abertal” e ás 13:00 h. Misa e Procesión. Sobre as 14:00 h. aperitivo popular amenizado por Abertal e entrega dos premios da rifa das festas.

ÚLTIMAS

A asociación ‘Chantada contra o cancro’ anima a inscribirse na súa andaina solidaria

Conta atrás para a andaina solidaria que organiza dende hai 5 anos a 'Asociación...

O 5 de novembro Monforte inicia campaña para a mellora de xestión de residuos

O Concello de Monforte inicia esta semana unha campaña informativa entre a cidadanía de...

Os polos de emprendemento da provincia recibirán 650.000€ da Xunta o vindeiro ano

Os polos de emprendemento da provincia atenderon desde a súa posta en funcionamento, hai...

Alumnado dos Escolapios de Monforte visita a Casa Consistorial

Os escolares tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións municipais e o Salón de...