Nesta entrega, que forma parte de colaboracións periódicas de Segredos de Pantón, os protagonistas son Marcos e Reda, impulsores da iniciativa de “Pantón Rural”, unha empresa que suma dous xogos de caza do tesouro ao aire libre en San Martiño de Pantón, un xogo de escape para agasallar e 2 aloxamentos turísticos.
Un destes dous emprendedores, Marcos García, contesta as preguntas de Segredos de Pantón.
Marcos, cóntenos algo máis sobre “El Secreto del Monje” co que todo comezou.
É un actividade diferente que ofertamos para tentar pasar un anaco divertido e ameno, xa que procuramos facer unha mestura entre un escape room e unha caza do tesouro, tentando así coller un pouco de cada un deles.
A acción do xogo desenvólvese no exterior, nuns viñedos que son da nosa propiedade. Deste xeito, imos encamiñándonos entre as cepas coas pistas que o eremita nos deixou. As devanditas pistas farannos descubrir unhas palabras chave que nos facilitarán o paso polos cofres que hai neste xogo e que nos levarán ó premio final.
De premio final teremos unha recompensa, iso si, antes teremos que resolvelo todo. De ser así tomaremos unha copa dos nosos mellores caldos. Todo isto coas vistas da nosa comarca, onde veremos a nosa parroquia San Martiño de Pantón, ata Monforte de Lemos e ao lonxe as montañas do Courel.
Como foi que tivo a idea de montar esta actividade na súa viña?
A verdade é que foi porque un día fun facer os escapes rooms da “Casa dos Muros”, que por certo están moi, moi logrados. Dende ese momento comecei a ter a mosca detrás da orella de facer algo semellante. Mais foi un día a pasear pola miña viña cando pensei en facelo aló entre os acios.
Todo isto non tería sido posible sen a inestimable axuda da miña muller, Reda, a quen lle estou eternamente agradecido. Así puxémonos mans á obra e non paramos ata dar coa forma de facer un xogo de escape ao noso xeito. E o traballo e o tempo tiveron o seu resultado con “El secreto del Monje”.
Puidemos desfrutalo e foi moi divertido. Polo de agora como está respondendo a xente?
O certo é que a acollida foi unha sorpresa para nós. Como esta modalidade de escape room-caza de tesouro é algo novidoso, non pensamos que ía ser tan ben aceptada entre o público, pero a xente sorprendeunos moi gratamente.
Dentro dos nosos visitantes tivemos xogadores de todas as idades. Lembramos dúas parellas duns 70 anos que, a verdade, desfrutaron coma nenos pequenos, foi un pracer para nós ver o ben que o pasaron e ver o que conseguimos co noso xogo. Tamén temos xente máis nova. Temos moitos grupos de rapazada de entre 12-15 anos que collen como reto facelo noso xogo. Iso si, para os menores de idade temos un mosto feito por nós mesmos, para cando rematan a actividade con éxito.
Mesmo gran parte das persoas que veñen ata aquí a pasar o tempo e desfrutar coa nosa actividade, anímannos a facer outra sala de escape.
Polo que sabemos, o seu primeiro xogo tivo tan boa aceptación que montou “El secreto de la abadesa” e outro ben diferente “Los enigmas del Monje”.
Dado que “El secreto del Monje” tivo tan boa acollida moitas veces moitas persoas quedaban sen poder xogar ou tiñan que agardar moito tempo, foi o que nos fixo plantexarnos facer un novo xogo.
Deste xeito “El secreto de la abadesa” conta parte da historia da abadesa do mosteiro do Divino Salvador de Ferreira, este está ambientado parte nun viñedo e noutra parte nunha devesa. As persoas que participen desfrutarán, se resolven os acertixos claro está, dunha botella de viño branco e as fermosas vistas dende un bambán.
O último xogo que sacamos que é así un pouco diferente é “Los enigmas del monje”. Onde nunha caixa con cadeados, enigmas e moitas preguntas poñemos a proba o coñecemento da xente sobre a coñecida “Ribeira Sacra”. Desta forma damos a coñecer a súa xeografía, monumentos e historia: Unha idea orixinal e diferente para agasallar en aniversarios ou para calquera ocasión que se preste.
Alén destes entretidos xogos, ten unhas vivendas de uso turístico. Cóntenos un pouco destoutra actividade.
O certo é que montar esta iniciativa empresarial xurdiu a posteriori de reformar as vivendas. Nese momento saíu a idea de dedicalas para un desfrute turístico. Cabe destacar que estamos moi satisfeitos coa clientela, a quen lle agradecemos novamente que nos escollan. Entre os nosos clientes temos unha gran diversidade, tanto temos parellas de idades bastante dispares como grupos de amigos que veñen a desfrutar das súas vacacións. Sen esquecermos que tamén somos escollidos por aquelas persoas que optan por facer turismo coas súas mascotas, un grupo en claro auxe.
Retomando a conversa, e tendo en conta todo o que estivemos falando, cales serían para vostede as actividades básicas para facer en Pantón?
Para min as actividades que son imprescindibles en Pantón serían primeiro, como non, os nosos xogos, pero non marcharía do noso concello sen facer unha ruta en lancha ou en 4×4 coa empresa de turismo activo “Turismo Pantón”. Outra proposta orixinal e moi divertida serían os escape room de “Búscalo”. Tamén dentro das ofertas que casan terra e turismo, recomendo a visita a calquera das adegas que temos no noso municipio, así pódese coñecer máis das nosas muras e da nosa historia vitivinícola.
Ademais, para desfrutarmos da nosa paisaxe e da nosa contorna, sen dúbida sería recomendable ir aos miradoiros de Pena Pombeira e da Pena da Cruz. Por último, pero non menos importante, cómpre destacar a importante mostra de románico que ten Pantón, algo diferente e auténtico.