Este ano os controis de maduración levaron ao pleno do C.R.D.O.R.S. a fixar como data recomendada para o inicio oficial da vendima, o 14 de setembro, aínda que algunhas adegas en determinadas zonas comezaron con vendimas puntuais o 22 de agosto.
Nesta vendima 2023 contábase con 1.971 viticultores rexistrados, 1.307 hectáreas e 89 adegas que recolleron as seguintes cantidades por variedade de uva:
Variedades tintas
- Mencía 5.211.818 quilos
 - Garnacha 259.800 quilos
 - Sousón 96.259 quilos
 - Merenzao 67.841 quilos
 - Brancellao 62.092 quilos
 - Caíño tinto 36.753 quilos
 - Tempranillo 35.487 quilos
 - Mouratón 7.275 quilos
 - Grao Negro 2.010 quilos
 
Variedades brancas
- Godello 699.031 quilos
 - Albariño 97.560 quilos
 - Treixadura 63.663 quilos
 - Dona Branca 8.149 quilos
 - Loureira 5.191 quilos
 - Branco Lexítimo 4.287 quilos
 - Torrontés 2.070 quilos
 
A campaña 2023 convértese así na terceira máis abundante da historia da D.O. Ribeira Sacra, despois da vendima 2019, previa á pandemia con 7.262.831 quilos e o 2011 que case chega aos 7 millóns de quilos.
O Presidente do C.R.D.O.R.S., Antonio Lombardía, valora así a campaña, “Sabiamos que había moitas uvas nas viñas. A climatoloxía foi moi boa para a recollida do branco e máis complicada para recoller o tinto, e aínda así temos unha colleita de gran calidade e importante cantidade”.

                                    