O segundo encontro de Bóveda Slam Poetry desta tempada celebrouse, coma o slam anterior, no restaurante do hotel Arume, en Rubián. Neste combate a golpe de versos, que transcorreu no serán do domingo 25 de febreiro, participaron poetas que xa o fixeran en encontros anteriores.
Neste segundo encontro estivo con nós Miguel Tierra, poeta e pintor monfortino que viña por primeira vez a un poetry slam. Miguel quedou encantado ao coñecer este xeito de poesía escénica e agasallounos abrindo o encontro a modo de “slammer de calibración”, recitándonos unhas pezas que o público puntuou coma adestramento, coma se formase parte do combate. Recibiu a puntuación e os merecidos aplausos do público, e a despois deu paso á competición.
“Neste segundo encontro estivo con nós Miguel Tierra, poeta e pintor monfortino que viña por primeira vez a un poetry slam”
Competiron neste slam: María Barrado, Ana Belén Gutirerrez (Anita Dinamita), Roberto do Pacio, Andrea Micc, J. J. Guille, Joserra e Yolanda Alcas, demostrando no escenario a calidade das súas obras e interpretacións.
Antes de dicirvos cales foron os gañadores e/ou gañadoras deste encontro quero lembrar, como xa doutras veces dixen, que sendo tan importante como é acadar a compensación de chegar ao podio, non é menos importante poder comunicar, saír e espirse diante do público. Iso, esa valentía, é algo que os que andamos nestas cousiñas valoramos enormemente. Tódolos participantes, sen excepción, merecen o noso inmenso agradecemento por nos deleitar coas súas obras.
Cunhas puntuacións moi axustadas, tres mulleres acadaron as primeiras posicións deste round. A cunca de ouro foi desta vez para a bovedense Yolanda Alcas, poeta que fica así clasificada para a Gran Final. A cunca de prata para María Barrado, poeta sarriana que participaba por segunda vez nun slam; e a cunca de bronce recibiuna Andrea Micc. As dúas mellores segundas posicións da tempada, quedarán tamén clasificadas para participar na Gran Final.
“A cunca de ouro foi desta vez para a bovedense Yolanda Alcas”
O vindeiro round celebrarase o sábado 30 de marzo ás oito da tarde no restaurante Arume, de onde sairá o terceiro clasificado para a Gran Final. Axiña se publicará o cartel cos poetas participantes sendo a entrada, coma sempre, libre.
O concurso está aberto a tódalas persoas que queiran participar, só teñen que mandarnos un correo electrónico a bovedaslampoetry@gmail.com. Intentamos chegar a cantos poetas poidan estar interesados en participar, publicando o noso cartel de convocatoria nas redes sociais e colocando carteis de inscrición, tanto no Concello de Bóveda coma en poboacións achegadas. Enviamos correos a tódolos poetas dos que temos contacto, e nos permiten facelo, para convidalos a inscribirse e a facer difusión do evento. É unha tarefa lenta, a da difusión, pero aínda así van chegando aos poucos novos participantes.