HomesociedadeA Casa do Louro: unha cantina con moita historia en San Xulián...

A Casa do Louro: unha cantina con moita historia en San Xulián de Serode, Pantón

Trátase dun negocio familiar que segue en activo dende o 1945. Reciben a Segredos de Pantón para falar da súa traxectoria Lina e o seu fillo, José Dimas, este último ao mando da cantina na actualidade.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Limitando coas parroquias de Deade, ao norte, e con San Fiz de Cangas, ao oeste, atópase o lugar de San Xulián de Serode. Alí, entre as diferentes vivendas, salienta unha moi especial, A Casa do Louro, unha cantina con moita historia, que a día de hoxe sobrevive no esquecido rural. Lar de anécdotas, de noites de esmorga, onde se verbalizan os anhelos, os problemas, os temas sociais e políticos, lugar onde se vive e sinte.

Onde hoxe nos recibe Lina e o seu fillo, José Dimas, noutro tempo, facíao Celia, nai e avoa. Unha muller doce, acompañada sempre dun sorriso, que impregnaba de tenrura e bondade a cantina.

En primeiro lugar, queremos darvos as grazas por abrirnos as portas da vosa cantina e brindarnos a oportunidade de concedernos esta pequena entrevista. Para dar comezo, cando foi que xurdiu a cantina Casa do Louro?

Pois a inauguración da cantina sucedeu no 1945, tras a voda de meus pais Daniel e Celia. Pero a cantina, a pesar de emprazarse en Serode, estaba ubicada noutra zona. Era propiedade de Elisa López que tiña un estanco e traspasoulle o negocio aos meus pais para irse a Monforte a montar un restaurante. No comezo dispoñían de moi pouco material pero foron traballando coa axuda tamén da miña avoa, a nai de Celia. No ano 1952, foi cando se trasladaron, eu xa nacida, ao actual lugar.

“a inauguración da cantina sucedeu no 1945”

Lina e José Dimas. Foto cedida pola familia.

Teus pais eran de Serode?

Non, meu pai, Daniel, era de Ferreiroá. Naceu en xaneiro de 1920. O seu pai, que era natural de Marce, foi asasinado nunha festa, xa que ao intentar separar aos participantes dunha liorta recibiu unha ferida mortal de arma branca. Posteriormente, o irmán de seu pai casou coa súa nai, sumando dous fillos máis, aos catro que eran. Miña nai, Celia, naceu en Sernande na parroquia de San Fiz, en 1922, tendo unha única irmá.

Celia e Daniel. Foto cedida pola familia.

Dedicábanse plenamente á cantina ou tiñan outros traballos?

Miña nai, dedicábase principalmente á tenda e ás tarefas do fogar. Meu pai, pola contra era tamén carteiro. Recollía a paquetería en Santo Estevo para logo repartir por diferentes parroquias, concretamente por Deade, San Xulián, San Fiz, Cangas, San Román de Acedre, Frontón, A Torre, A Barca, Santo Estevo e o embalse de Santo Estevo. Ademais, tamén repartía mercancías aparte do correo.

Cales eran os principais produtos que se comercializaban na tenda?

Pois produtos de primeira necesidade, tabaco, material para agricultura e gandeiría. O leite, por exemplo, comprábaselle aos gandeiros da zona ata os anos 90, e logo recollíano empresas como COFILESA, LARSA e CELEGA. Ademais, vendíanse pensos Norgasa e pensos Sil.

“O leite, por exemplo, comprábaselle aos gandeiros da zona ata os anos 90”

Nunca se ofertou o servicio de comida?

Nalgunha época, miña nai facía comidas que lle encargaban algunhas veciñas e veciños. Pero nunca transcendeu a máis.

A que fai referencia a “Escuela do truco”?

Pois ben, fai referencia ao xogo do truco. Un xogo de cartas de orixe arxentino que se xogaba principalmente os domingos, organizando, en numerosas ocasións, concursos.

Cando foi Lina que tomaches relevo dos teus pais, para porte ao fronte da Cantina?

Xunto ao meu home, puxémonos ao fronte da cantina no ano 1985, no mes de febreiro. Foron moitos os bos momentos vividos.

E ti José Dimas, cando foi que colliches os mandos do negocio familiar?

Pois principios do 2019, coa axuda tamén da miña muller e contando coas directrices de miña nai.

Que idea tes para o futuro da cantina?

Pois tiñamos pensado celebrar nun futuro próximo os 85 anos da cantina. A idea era facelo para os 80, pero por causa da pandemia non o fixemos. A cantina Casa Louro segue a vender alimentos de primeira necesidade e a parte de bebidas e aperitivos, ten unha función social para as veciñas e veciños da contorna e mesmo para os estranxeiros e estranxeiras que nos visitan.

ÚLTIMAS

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...