HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: Barbadelo, da Serra á Pena do Real (XIV)

Cousas Xacobeas: Barbadelo, da Serra á Pena do Real (XIV)

Na Serra e o seu mercado, encrucillada de camiños, confluían as carreiras de Sárria a Portomarín e de Lugo a Lemos e os camiños do Sisto, Paradela, Castro de Rei de Lemos e Sabenche (Camiño de Guimarás).

Publicado o

POR
 Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Este lugar, da parroquia de Barbadelo, está na divisoria das bacías do río Celeiro (o medieval río Barbadelo) e  do río Loio, formando parte do históricamente coñecido como territorio do Páramo perto do Monte de Lamalonga, que os camiñantes atravesaban para se dirixiren ao Sisto ou a Domiz e ao longo de 1.570 metros a vía xacobea remata o seu paso pola parroquia de Barbadelo.

Vai o vieiro entre pasteiros e carballeiras deixando á beira terras que responden aos nomes de Leiro do Vello, Chousa do Vello, Devesa, Lamalonga, Chousa, Real, Aldea, Escairo, Chousa de Marzán, Prado do Muiño, Muiño de Marzán, Gorgosa e Prado do Real.  O topónimo “Real” responde ao regueiro con orixe nas lamas entre A Serra e O Monte e non ten nada que ver co camiño e a súa calificación.

Banzado do muíño

Na actualidade o “camiño canónico”, establecido por Valiña Sampedro, deixando á dereita Lamalonga e á esquerda, a certa distancia, os lugares do Monte e Marzán, chega ao Muíño de Marzán á altura da Pena do Real, facendo alí estrema coas freguesías de San Xulián de Meixente e de Santa María de Belante. Esta Pena do Real debeu ser de dimensións notables e desapareceu para sacar a pedra destinada ás paredes que delimitan o camiño e para as edificacións da contorna. Hoxe marca a súa antiga situación un amplo resío, diante da finca do muiño, onde o camiño xira cara o regueiro.

A carreira vai en boa parte entre carballeiras e no seu primeiro treito, a man dereita, hai  un grande e profundo pión no que se ve a figura metálica do “Pelengrín”, e ali fan advertenza da perigosidade de se mergullaren nas augas tapizadas de verdes oucas, augas que están destinadas a atallar posibles incendios. Ese espazo fai de aira de descanso e suxire a necesidade de que a ruta xacobea de tanto en tanto fose dotada de espazos semellantes.

Pión do pelegrín

O vieiro neste treito é de boa larganza porque dende 1915 serviu para chegar ao Muiño de Marzán, onde se acabou instalando un motor movido con gas pobre para a produción da electricidade introducida nese ano na vila de Sárria. Esta mellora foi introducida por Xosé Antonio Gayoso, industrial oriundo de Marzán, quen correu coa mellora e mantemento do camiño en beneficio da industria alí establecida.

Na actualidade a instalación eléctrica e o muíño anexo deixaron de estar activos e no lugar hai un establecemento hostaleiro privado, adicado á atención de peregrinos, que ocupa un espazo no que conflúen o regueiro que baixa dende o Monte do Páramo, por Meixente, e outro de menor importancia que recolle as augas vertentes procedentes da Serra, O Monte e Marzán. Reunidas as augas destes dous regueiros, o cauce maior recibe o nome de Rego de Marzán, que acaba rendendo as súas augas ao río Loio, no lugar do Neo (A Pinza), non sen antes ser aproveitada a súa forza en muiños relos hoxe a pardiñeiro.

Albergue

Para mover o muiño hidráulico as augas procedentes deses regueiros eran encoradas nun grande e meritorio banzado, lastrado con laxes de cantaría, e porque o caudal minguaba a maior parte do ano estableceuse un muiño movido por electricidade facilitada pola empresa familiar Eléctrica Sarriana e as súas sucesoras. Esta actividade cesou cando os campesiños deixaron de botar centeo e trigo e nas casas rurais houbo a posibilidade de ter pequenos muíños eléctricos individuais para a elaboración de pensos.

Antes de entrar na parroquia de Santa María de Belante, tirando cara o Chao de Domiz,  a vella corga francesa comparte espazo co regueiro e para salvalo hai un longo pasadoiro de pedra máis alto co camiño que, con dous amplos angüeiros, salva a irregular corrente, enteiramente minguada en tempo de verán, constituíndo un espazo que por ser moi pintoresco e obxecto de numerosas fotografías.

Pasal do Regueiro

Este treito hoxe “canónico“, non é o único que pasa pola parroquia barbadelense e ás diferentes variantes históricas faremos alusión máis adiante.

Deixando atrás o Muiño de Marzán a vía xacobea atravesa hoxe a estrada de Portomarín, no Sistelo, e pola Penela alcanza o Chao de Domiz, onde conflúe o camiño que dende a Ponte da Áspera, pasando por Santa Marta e Barreiros, foi vía destacada para acoller o paso de peregrinos.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...