HomeCultura'Noite no Cabe': exposición fotográfica de Ramón Casanova no Centro do Viño...

‘Noite no Cabe’: exposición fotográfica de Ramón Casanova no Centro do Viño da Ribeira Sacra

As imaxes da mostra forman parte do proxecto 'Oír Río', no que o artista monfortino afincado en Barcelona persegue unha conexión sensorial co río. A inauguración foi o pasado 19 de xullo e poderase ver ata o 1 de setembro.

Publicado o

- Advertisement -

O Centro do viño da Ribeira Sacra acolle a exposición de fotografía experimental ‘Noite no Cabe‘, con obras do artista monfortino Ramón Casanova, profesor da Facultade de Belas Artes de Barcelona e do Institut d’Estudis Fotogràfics de Catalunya.

As imaxes da mostra forman parte do proxecto Oír Río, no que Ramón persegue unha conexión sensorial co río. Para acadalo procura xeitos de limitar a dependencia que a fotografía ten respecto do sentido da vista. Así, acode á contorna fluvial na escuridade da noite ou fotografa sen usar cámaras.

O PROCESO CREATIVO E AS MOTIVACIÓNS

A noite transforma o río nun inmenso laboratorio fotográfico. Aproveitando a escuridade, pódese traballar con materiais fotosensibles de gran formato, permitindo que interactúen coa auga, mergullándoos no propio leito do río (riogramas), poñéndoos en contacto coas plantas vivas (fitogramas), húmidas, ou convidando a pequenos animais a que se aveñan ó procedemento. Unha vez propiciado o encontro, xéranse os fotogramas: fotografías sen cámara xeradas pola acción dun golpe de luz artificial que modifica a estrutura química do papel fotosensible. As imaxes revélanse e fíxanse in situ.

Os traballos de conexión e inmersión no río, son interpelacións á súa corporalidade, remitindo a sensacións primordiais de materialidade e cosmogonía. Producen o sentir de que o ecosistema da ribeira é unha extensión do propio río, unha colección de condensacións de humidade en forma de planta ou animal.

Nesta proposta, que se estende tamén en proxectos de investigacións da Universidade de Barcelona, Casanova pretende celebrar os valores da auga no seu medio natural, dar voz ao río Cabe, pertencente á Rede Natura 2000, e transportar sensacións de humidade, temperatura e pertenza a un ecosistema tan valioso como, ás veces, esquencido.

O vindeiro día 30 de xullo, ás 13h e ás 19h faranse visitas guiadas á exposición por parte do artista galego-catalán.

Unha das fotografías de Ramón Casanova.
O AUTOR: RAMÓN CASANOVA FERNÁNDEZ

Ramón é artista visual, docente e investigador da arte. Doutor en Belas Artes coa tese A Epifanía da Imaxe. O proceso fotográfico como paradigma da creación. É profesor do Departamento de Artes Visuais e Deseño da Universidade de Barcelona (dende 2003), do Grao en Artes Dixitais de La Salle, Universidade Ramon Llull (dende 2020), do Institut d’Estudis Fotogràfics de Catalunya (dende 2005).

As súas liñas de investigación enmárcanse no estudo e a reinterpretación iconográfica, así como na análise ontolóxica e fenomenolóxica da imaxe fotográfica e as súas derivacións. Especialista na aprendizaxe mediante proxectos creativos colaborativos, deseñou proxectos de transferencia para museos, festivais de fotografía, escolas e institucións públicas. Ten codirixido oito proxectos de revisión e interpretación iconográfica noutros tantos museos europeos dando lugar a seis libros e 18 exposicións razoadas (British Museum, Museo Archeologico Nazionale di Napoli, Museo Europeo de Arte Moderna, Museo Nacional Arqueolóxico de Tarragona, Classical Museum of Archeology of Cambridge entre outros). As imaxes resultantes dos seus proxectos e colaboracións en proxectos de investigación e creación publicáronse en numerosos libros e catálogos.

O seu actual traballo de investigación en ecosistemas naturais e entrópicos lévao a dirixir o proxecto financiado pola Universidade de Barcelona REBELIA. Disidencias botánicas. Ecosistemas agrícolas e imaxe experimental, galardoado cunha beca OSIC 2023 da Generalitat de Catalunya para a investigación e innovación nas artes.

Neto de labregos, leva gravadas vivencias en torno aos ciclos da natureza e as relacións de respecto, aprendizaxe e pertenza a un ecosistema atravesado pola humidade.

ÚLTIMAS

Ribeira Sacra, paisaxe da auga na Casa de Galicia en Madrid

Durante a visita, Miramontes fixo fincapé na importancia de iniciativas “que poñan en valor...

Presentación do poemario ‘Vestidos de organdí’ na librería Entre Libros de Monforte

A libraría Entre Libros de Monforte de Lemos acolle este venres 14 de novembro...

O BNG esixe actuacións urxentes para protexer a bacía do arrastre de cinzas dos incendios deste verán

A organización nacionalista reclama coordinación entre administracións para protexer a bacía e sinala que...

O PP lucense esíxelle ao Goberno de Sánchez “a rehabilitación integral da N-120 na provincia”

O PP esixe, unha vez máis, ao Goberno de Sánchez “actuar con urxencia” nos...