HomeEn profundidadeFelipe Grande: “Están vindo moitos clientes chorando, é moi emocionante”

Felipe Grande: “Están vindo moitos clientes chorando, é moi emocionante”

O anuncio de peche da centenaria Panadería de Carude, en Monforte, estase convertendo esta semana nun dos principais temas de conversación na cidade do Cabe. Unha emotiva baixada de persiana que nos fai reflexionar unha vez máis sobre os fins de ciclo dos negocios de barrio de toda a vida...

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O peche da Panadería de Carude, no barrio do mesmo nome, caeu como un xerro de auga fría entre os e as monfortinas. Outro negocio carismático, cunha traxectoria centenaria, de gran prestixio, e caracterizado pola calidade da materia prima e o seu servizo ao cliente, anunciaba que o 29 de setembro pecharía por xubilación.

As reaccións non se fixeron esperar e moitísimos clientes están a pasar estes días para facer as súas derradeiras compras e despedirse. “Están vindo moitos clientes chorando, é moi emocionante”, dinos Felipe Grande, o panadeiro que rexenta dende os 18 anos o negocio xunto coa súa muller Josefa López. E non só iso, algúns estanlles traendo incluso agasallos, orquídeas e botellas de champán, entre outras cousas.

Os fornos de fondo con bicas e ovos no primeiro plano. Foto: XMF.

Ademais da clientela, moitos medios de comunicación como o noso están chamando ou pasando por alí para entrevistalo: La Voz de Galicia Lemos, El Progreso, Onda Cero, a Radio Galega…

“Están vindo moitos clientes chorando, é moi emocionante”

PANADERÍA DE CARUDE

O forno de Carude seica supera os cen anos de historia, mais son 75 os que de forma ininterrompida leva funcionando da man do matrimonio formado por Antonio Rodríguez e Josefa López, primeiro; e coa súa filla, Josefa Rodríguez López, e o marido desta, Felipe Grande, despois.

Felipe cóntanos que entrou no negocio con 18 anos, e para levalo con Josefa, quen literalmente “o levou ao forno”, dinos con retranca.

Felipe Grande sacando un asado do forno. Foto: XMF.

En todos estes anos, a panadería fíxose cun nome no barrio de Carude pero tamén fóra del. Un prestixio ben gañado grazas á calidade da materia prima, ao pan de trigo e centeo, ás súas bicas e empanadas, ás tortas de chicharróns e ao servizo ao público cun amplo horario de apertura e o forno a disposición para asados.

Panadería de Carude con mensaxes de agradecemento na entrada. Foto: XMF
PANADEIRO, UN OFICO MOI SACRIFICADO

Felipe recoñece que o traballo de panadeiro é moi duro, “sempre traballamos moito pero nos momentos de festa é cando máis traballo había”, e moi sacrificado, “para min as comidas familiares foron moi contadas, e perdín de ir a moitas festas coas fillas…”.

“sempre traballamos moito pero nos momentos de festa é cando máis traballo había”

“Houbo xente que me dixo que así facíame rico, pero eu sempre o fixen por profesionalidade e por atender e dar servizo á miña clientela… e non por amasar cartos”, comenta tamén. Déixanos claro tamén que a relación e o trato coa xente é esencial neste negocio pois cada cliente é un amigo.

Preguntámoslle que sorte correrá este oficio e di que ao xeito tradicional de facer pan non lle ve gran futuro, pero afirma que “querendo traballar, o de panadeiro é un gran negocio”.

“CHEGOU A HORA”

Con este título, a Panadería de Carude agradece o agarimo e a confianza da clientela, dos veciños do barrio e do resto de Monforte o vindeiro 29 de setembro, data na que se xubila Felipe Grande.

A partir das 19:00 h. convidarase de balde a empanada, bica e viño a clientes, amigos e veciños na Praza de Carude. Ademais, o evento estará amenizado cunha actuación musical.

Segundo nos explica Felipe, “a idea de facer unha festa foi nosa e axudaranos a Asociación de Veciños”.

Cartel anunciando a festa de despedida. Foto: XMF.

ÚLTIMAS

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...

Primeira fin de semana do ‘Mercado de Nadal’ de Monforte

Este sábado 21 de decembro abrirá as súas portas o Mercado de Nadal do...

21 de decembro de Petiscos de Nadal en Taboada

A ACIMTA, Asociación de Comerciantes e Industriais do Concello de Taboada vén desenvolvendo no...