HomeComarca de QuirogaQuirogaTodo listo para o QuiMedo V, en Quiroga

Todo listo para o QuiMedo V, en Quiroga

A cita do terror do sur de Lugo, referente xa a nivel de Galicia tamén, pechou o prazo de inscricións unha vez se acadaron os 1.200 participantes. Aínda así, poñeranse á venda algunhas máis o propio día 26, dúas horas antes do comezo do recorrido ás 22:00 h.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A V edición do QuiMedo comezou a conta atrás, descontando as horas que faltan ata a noite do 26 de outubro cando se dea o ‘pistoletazo de saída’ ao percorrido terrorífico polo casco urbano de Quiroga e o barrio de Pacios de Mondelo.

O roteiro, formado por nove casas debidamente ambientadas e cada unha cunha temática, buscará sorprender un ano máis aos máis de 1200 atrevidos e atrevidas que se anotaron para vivir a experiencia. Tanto para os que veñan por primeira vez, como para os que recunquen, non faltarán as sorpresas dentro e fóra das casas, no propio percorrido. Máis dun cento de voluntarias e voluntarios ocuparanse de sorprendelos e meterlles medo.

Presentación con parte do Equipo de Goberno e da organización. Foto: RMTQ.
AS CASAS DO TERROR

A primeira das casas será A Pirámide, despois da Casa da Momia no QuiMedo 4, agora chega esta nova casa na que se entrará na cámara funeraria da gran pirámide para descubrir se o faraón segue vivo.

A segunda das casas terá unha localización inédita e coñécese como a “Xungla”; nela os animais rebélanse ante a deforestación que está a sufrir o seu hábitat por culpa dos humanos.

A terceira das casas leva por nome “O barco pirata”. Hai moitos séculos uns piratas pagaron coa súa vida o atopar un tesouro, dende entón custodian o seu barco e o seu tesouro sen deixar que ninguén se achegue.

A cuarta casa, tamén cunha localización inédita, é a “Apocalipse zombi”, onde a policía tenta deter a rebelión dos presos zombis.

A quinta é a “Casa das Torturas”. Baseada nesta terrorífica práctica da Idade Media, esta é a única localización na que os organizadores advirten que non está recomendada para menores nin para xente sensible. A sexta localización é a “Casa das bruxas”, onde os peores pesadelos se farán realidade.

O famoso videoxogo “Last of Us” é a temática da sétima casa do QuiMedo5, onde os valentes que se adentren terán que axudar a un pai e unha filla a sobrevivir e escapar do virus “infected”. Para a oitava a temática será o “Cine de terror” no que a organización pretende facerlles sentir aos participantes o que pasa detrás da pantalla dunha película de terror e ficción.

O derradeiro pasaxe do terror é a casa da “Ouija”, semella un xogo… pero ás veces non o é…

PAVILLÓN MUNICIPAL, INICIO E REMATE DO ROTEIRO

O pavillón municipal será o centro neurálxico do Qui-Medo. Abrirá a partir das sete da tarde para que o líder de cada grupo se achegue a recoller as pulseiras de entrada ás casas e tamén para o inicio dunha festa infantil, aberta a todos os nenos e nenas sen necesidade de inscrición.

Ás 21:45 h. pecharase a entrega de pulseiras e darase unha explicación antes da saída. A continuación, ás 22:00 h., darase a saída dende o pavillón para visitar as casas do terror. Durante tres horas, tempo marcado para o recorrido, cada grupo deberá seguir un mapa trazado pola organización para evitar as grandes aglomeracións na entrada das casas.

Cando os participantes rematen o recorrido, á 1:00 da madrugada, e comprobando se o QuiMedo V foi tan terrorífico como promete, o pavillón municipal será o escenario do Quimedo Fest cos DJ Mavi Krueguer e Adri Díaz Jason.

ADVERTENCIAS

A organización vén de trasladar tamén unha serie de advertencias. Estará prohibido acceder ás casas con máscara, lanterna de móbil ou foco. Non se permitirá tocar aos figurantes, e eles tampouco aos visitantes; e tampouco se admite que a xente corra, coma ou fume dentro das casas.

Ao mesmo tempo, advirten ás persoas con asma, doenzas cardiacas e/ou respiratorias, problemas mentais ou calquera outros problemas físicos importantes, se absteñan de entrar.

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...