O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, informou en rolda de prensa o pasado 15 de febreiro da folla de ruta que seguirá o seu Executivo en relación á futura Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte, unha vez obtido o borrador do Plan Especial de infraestruturas e dotacións para a creación dunha área recreativa con zona de baño en Ribasaltas.
A ubicación desta infraestrutura de servizos foi anunciada xa o pasado 16 de setembro, e será no lugar de A Lama, parroquia de Ribasaltas, na marxe dereita do río Cabe, nos terreos delimitados pola estrada de Monforte a Lugo, pola Pista do Canal de regadío, por camiño público que a separará das fincas particulares e polo río Cabe.
ÁREA RECREATIVA E PRAIA FLUVIAL
A Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte afectará a unha superficie de 138.282 m2 (13,8 hectáreas), e contará con zona de baño, zona destinada a hostalería, área de xogo infantil, estacionamento público, sendas de paseo e pista perimetral polo lado oeste, todo o anterior integrado no entorno. O investimento previsto será de 5 millóns de euros.
Contará cun azud desmontable, unha praia fluvial de 1,4 hectáreas en zona de area, unha zona verde con céspede, nunha superficie aproximada de 2 hectáreas, polo que entre estas dúas zonas, o conxunto da praia ascenderá a 3,4 hectáreas.
O Alcalde puxo en valor que “calculando unha ocupación por persoa de 2 m2 , tería cabida para 17.000 persoas, practicamente todo Monforte ó mesmo tempo, e se sumamos ás persoas que poderían estar bañándose, estar na zona de hostalería, na area de xogo infantil ou paseando polos viais interiores, estaríamos diante dunha capacidade de 20.000 persoas”.
Contará tamén cunha pradeira de 4,8 hectáreas, un estacionamento para vehículos con máis de 400 prazas, paseos peonís de 3 metros de anchura cunha lonxitude de 2.360 metros lineais e unha superficie de algo mais de 8.800 m2, un parque infantil de 1.200 m2 e edificacións para uso hostaleiro, aseos, e almacén, así como un peche perimetral, mobiliario urbano e todas as acometidas de servizos necesarias, así como unha pista perimetral polo lado oeste para dar servizo ás fincas colindantes.

O LONGO CAMIÑO ATA CHEGAR Á APROBACIÓN DO PLAN ESPECIAL
A redacción do “Plan Especial de infraestruturas e dotacións para a creación dunha área recreativa con zona de baño en Ribasaltas”, foille adxudicado á UTE Ribasaltas o 27 de decembro de 2023 por un importe de 82.828 euros.
En relación a este Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, o alcalde explicou aos medios que o documento define as actuacións a levar a cabo nun terreo determinado para dotalo de infraestruturas e servizos. Posteriormente, unha vez aprobado, é cando se redacta o Proxecto Construtivo coa descrición das unidades de obra e o custe de licitación do conxunto das obras.
O borrador inicial deste Plan Especial, presentado na rolda de prensa, non tivo impedimento ningún por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e tivo xa un percorrido administrativo pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático –para coñecer o tipo de avaliación ambiental que correspondía– e pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, organismo este último que emitiu un informe ambiental co cal se puido elaborar un documento para a aprobación inicial deste Plan Especial.
O seguinte paso será levalo a Pleno, para a súa aprobación inicial, o vindeiro pleno do luns día 24 de febreiro. Unha vez aprobado inicialmente polo Pleno, será sometido a información pública durante dous meses, para o que será publicado no Diario Oficial de Galicia e nos xornais de maior difusión da provincia. Así mesmo, notificaráselles individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.
Unha vez remitida a aprobación provisional á Xunta de Galicia, requirirá os informes sectoriais autonómicos que deberán ser emitidos no prazo máximo de tres meses, transcorrido o cal entenderanse emitidos con carácter favorable. Previa á aprobación inicial, os servizos xurídicos e técnicos municipais deberán emitir informe respecto da integridade documental do expediente, das actuacións administrativas realizadas, da calidade técnica da ordenación proxectada e da conformidade do plan coa lexislación vixente.
Cumpridos os trámites anteriores, e resoltas as alegacións, se as houbera, aprobarase provisionalmente o contido do Plan coas modificacións que sexan pertinentes, algo que novamente terá que ser aprobado polo Pleno do Concello.
Unha vez aprobado polo Pleno, o documento de aprobación provisional será remitido á Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para o seu informe preceptivo, que deberá ser emitido no prazo de dous meses, contados desde a entrada do expediente completo no rexistro de dita Consellería. Transcorrido este prazo sen que se comunicase o informe solicitado, poderá continuarse a tramitación do plan.
Cumpridos os trámites sinalados, e chegando previsiblemente a finais de 2025, o Concello procederá á aprobación definitiva do Plan Especial para a construción da futura Praia Fluvial e Área Recreativa de Monforte.
Trala aprobación definitiva, licitarase a elaboración do proxecto de expropiación das parcelas afectadas incluídas no Plan, que será levado a cabo dende o Servizo de Expropiacións da Deputación de Lugo, que pon ó servizo dos Concellos. Unha vez adxudicado procederase a executar a expropiación das mesmas, que pasarán a ser propiedade do Concello.
O seguinte paso será a licitación da redacción do Proxecto Construtivo desta Área Recreativa e Zona de Baño en Ribasaltas, consistente na urbanización, dotación de servizos e construción dos inmobles que recolle o Plan.