A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes o xuízo contra un home e unha muller de Monforte, que están acusados de agresión sexual continuada e de prostitución infantil dunha menor, filla dela. Solicítase para el unha pena de 14 anos de prisión e unha indemnización de 70.000 euros para a nova, mentres que para a nai, suposta inductora, pídense 28 anos, 14 por cada un dos delitos que se lle imputan, máis unha indemnización de 120.000 euros.
Ademais do Ministerio Fiscal actuaron no xuízo a acusación particular e outra popular a cargo da Fundación Amigos de Galicia, que leva anos personándose en causas de violencia de xénero, abusos sexuais, malos tratos e violencia de menores. Eles elevaron nun ano as peticións de pena. Os feitos xulgados déronse a coñecer en 2023, cando a menor, naquel entón de 15 anos, denunciou que a súa nai a obrigou a manter relacións sexuais con dous octoxenarios, situación que se repetía desde que ela contaba con 10 anos de idade. Un deles é, presuntamente, o outro acusado, mentres que o outro, polo que tamén se xulga á nai, xa faleceu. A vítima non declarou no xuízo, senón que se proxectou a entrevista que se lle gravou anteriormente, seguindo a normativa legal e coas garantías procedimentais esixidas. Os avogados da defensa solicitaron a comparecencia da nova, algo ao que se negou o tribunal.
DECLARACIÓNS
Si declararon os dous acusados. O home, de idade moi avanzada, contestou as preguntas unicamente do seu avogado, asegurando que nunca mantivera relacións coa nova, pero si coa nai e que non se acordaba de nada. O letrado presentou un informe médico para confirmar que ten as capacidades cognitivas deterioradas. Pola súa banda, a muller asegurou non ter coñecemento das relacións sexuais denunciadas pola nena e que era ela a que se prostituía “para dar para comer” á súa filla. Así, sobre o falecido, un dos dous casos polos que está acusada, asegurou que ía á casa a limpar e que levaba á nena con ela porque “non tiña con quen deixala”, pero que nunca a deixou a soas co home. Tampouco soubo explicar nin xustificar as denuncias da menor.
Sobre o outro acusado, a muller asegurou que o coñecía e que lle ofreceu servizos sexuais a cambio de diñeiro, pero que era ela a que mantiña as relacións, sempre no coche e polas tardes, polo que levaba á nena con ela, de novo, “porque non tiña con quen deixala”. Matizou tamén que a menor saía do coche durante o acto ou quedaba dentro se eran eles os que saían, aínda que despois recoñeceu que lles viu en varias ocasións. Para concluír, explicou que eses dous homes, aos que denunciou a moza por agresión sexual, eran clientes dela e que non eran os únicos cos que exercía a prostitución. Durante o interrogatorio do Fiscal, a muller incorreu en varias contradicións con respecto ás declaracións que se fixeron na fase de instrución e respondeu en varias ocasións non lembrar parte dos feitos ou a relación que tiña cos dous homes denunciados.