HomesociedadeO músico Sergio Alba presenta "Dous rombos... pasa para a cama!"

O músico Sergio Alba presenta “Dous rombos… pasa para a cama!”

A nova proposta escénica nace, en palabras do intérprete, "coa única pretensión de asomarnos cun sorriso a aquela época na que nos mandaban para a cama poñendo dous rombos na pantalla do televisor". Falamos con Sergio.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O vindeiro 17 de abril, o intérprete con alma de cómico Sergio Alba, presenta na sala Patio Scala de Taboada o seu novo espectáculo: “Dous rombos… pasa para a cama!”. O propio artista dinos tamén que será ás 20:45 h. e que o aforo é limitado para que a xente non espere aos últimos días para mercar as entradas… e máis sabendo que cadra en Semana Santa. Avisados quedamos!

Sergio bota, unha vez máis, a mirada atrás para lembrar aqueles anos de felicidade da infancia pero sen esquecer que tamén houbo experiencias menos reconfortantes, aínda que estas sempre se poden e deben afrontar dende o punto de vista do humor. En palabras del, “así nace este espectáculo, coa única pretensión de asomarnos cun sorriso a aquela época na que nos mandaban para a cama poñendo dous rombos na pantalla do televisor”.

Se temos que facer unha breve sinopse, e collendo unha das respostas a esta entrevista que tedes a continuación: “Dous rombos é un espectáculo de humor baseado na narrativa, malia que a música fará tamén acto de presenza coma fío condutor”.

Un galego de Monterroso co corazón repartido entre Euskadi e Galicia?

Así é, e así será sempre. De feito, moitas partes deste texto que estreo o 17 de abril en Taboada, están inspiradas naquela infancia repartida entre o meu barrio en Portugalete, Maestro Zubeldia, e a miña querida Vilane, en Antas de Ulla. 

Como prendeu en ti a paixón pola música?

Pois creo que escoitando todos aqueles vinilos que tiñan os meus pais. Nun moble, debaixo do tocadiscos, estaban mesturados discos de Andrés do Barro e Os Tamara, con clásicos do Pop e rock nacional e británico. Pasaba tardes poñendo e quitando discos.

“Son melómano e non rexeito case ningún estilo musical, malia que me gusta moito o Pop dos 60, 70 e 80”

Dende cando actúas en público? Sempre como solista?

Pois non o sei exactamente, pero fíxeno en diferentes formatos e tocando moitos paus. Son melómano e non rexeito case ningún estilo musical, malia que me gusta moito o Pop dos 60, 70 e 80.

Nos teus espectáculos predominan as versións pop dos 80-90. Considéraste un nostálxico deses anos? 

Cada vez máis, e ademais, gústame facer “apoloxía do retro”. Por iso, xurde a idea de facer este texto teatral, xa que quero render con el unha homenaxe a un pasado que sempre teño moi presente.

Sergio Alba cantando. Foto cedida.

gústame facer “apoloxía do retro”

Cómpre dicir, por se alguén non te viu en directo, que a túa posta en escena inclúe comentarios e moito humor entre versión e versión. Como definirías ti este valor diferencial á hora de facer un cover?

O humor é unha parte moi importante da miña vida. Non concibo nada sen humor, e moito menos un espectáculo, malia que sexa de música.

O teu mítico show “TDK D’90” deuche moitas ledicias, que balance fas del?

Aínda segue funcionando moi ben! Pero é certo que agora estou máis centrado noutros proxectos… A vida, non dá para máis!

Dende o 2023 compartes un novo espectáculo co músico David Taboada, ‘Colección Romántica’. Cóntanos brevemente como naceu e de que vai esta movida.

Pois estreamos en Febreiro do ano pasado e a verdade é que nos deu moitas satisfaccións. É unha viaxe marabillosa por diferentes latitudes musicais nun formato moi intimista de piano e voz. David, é inconmensurable coma músico e tamén coma persoa. 

Estamos preparando novas cousas, e con moita ilusión por continuar vendo medrar ese proxecto, co que xa percorremos todas as provincias galegas.

David Taboada e Sergio Alba. Foto cedida.
“Colección romántica”. David Taboada e Sergio Alba. Foto cedida por eles.

E neste 2025 estreas outro proxecto en solitario, “Dous rombos”. Chega para deixar atrás TDK D’90?

Non. De feito, non se parecen en nada en canto a contido. Son dous conceptos totalmente diferentes. Dous rombos é un espectáculo de humor baseado na narrativa, malia que a música fará tamén acto de presenza coma fío condutor.

Con que nos atoparemos no escenario baixo este suxestivo título?

Pois, basicamente unha homenaxe a esa marabillosamente estraña época a todos os niveis, que foron os 80 e na que pasamos do analóxico ao dixital, sen darnos apenas conta.

Cartel do espectáculo. Sergio Alba.

ÚLTIMAS

“O tamaño do Gran Fachón non se desvela ata o propio día”, Sara Inés, Alcaldesa de Castro Caldelas

Como cada ano, e para non faltar á tradición, o 19 de xaneiro celebrarase...

Información ambiental para a veciñanza no Concello da Pobra do Brollón

O equipo de Axentes Ambientais, dependente da Consellería de Medio Rural, ofrece atención á...

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...