(Este artigo dá continuidade a Cousas Xacobeas, o Camiño en Ortoá: Santa Marta (II))
Froito desa estratéxica situación foi que Barreiros albergase unha Casa Mesón, ou Casa Taberna, na que, dende o século XVIII, se estableceu a familia dos Fernández (Familia de Antón de Marcos) rente ao treito xacobeo coñecido como Camiño de Sárria a Portomarín que na década do 1860 viuse consolidada como moderna estrada, detida por varias décadas no lugar de Mouzós.
Con orixe na exportación de carnes e de gando vacún a MadrId e outras partes a familia Fernández consolidouse como un dos grupos empresariáis con máis forza e máis diversificado en Galicia.
Pasado o lugar de Santa Marta, como xa dixemos, o Camiño sinala a estrema entre as parroquias de Ortoá, ao norte e Barbadelo, ao Sur. Son lugares barbadelenses A Cruz e O Pico, quedando á dereita a Casa da Seara e o que foi edificio da Escola de Barreiros, singular institución escolar propiciadora da incardinación da escola no medio rural, da que foron responsables os mestres e activos galeguistas, Avelino Pousa Antelo e Valentín Arias López.

No treito de 716 metros que vai dende O Pico a Mouzós achamos en primeiro lugar unha pasaxe en madeira na marxe dereita da estrada, para evitar a perigosidade de atravesar ese vial nunha volta pronunciada e deseguido vese a lápida que fai memoria do falecemento do sacerdote francés, Prosper Charles Remmy que, peregrinando en bicicleta, achou a morte en Barreiros.

Memorial Prosper Charles Remmy / Alba López
Foi colocada con ocasión dun acto celebrado na súa memoria e alí podese ler: “Prosper Charles Remmy / Pelerin de Strasboug / Hic peregrinationem suam peregrinans finivit / Que le Seigneur soit ta recompense / et celle de tous les pelerins / La Juventud de la VI Jornada Mundial / con S.S. Juan Pablo II / agradece tu ofrena / Lembrádeo cun prego / 17.VIII,1989.” Á beira da lápida hai un poema e unha imaxe súas.

No lugar do Pico ten a súa orixe unha pista que leva ao lugar de Sabenche, onde hai un establecemento hostaleiro de turismo rural, tamén accesible dende Rente, no “camiño canónico” actual que é usado por moitos peregrinos.
A carreira xacobea atravesa os nomeamentos de Matafillas, Horto, A Rebouza, Prado de Barreiros, A Rigueira, Pereirexe, Nabás, As Campas, Pado de Nabás e O Chouso.
O lugar de Barreiros foi un foral do Mosteiro da Madalena de Sárria, que no século XVIII sostivo sonado pleito cos posuedores da Casa Grande de Sárria (os Somoza Saavedra) pola titularidade dos bens que o compoñían.

A Granxa de Barreiros, propiedade na actualidade da Familia Fernández, máis coñecidos como “Os de Antón de Marcos”, foi seccioada pola estrada e compreende a residencia familiar, un fermoso chalé de corte modernista, dentro dunha ampla carballeira cercada de alto muro e no portalón de entrada loce en relevo a vieira xacobea.
Á esquerda da estrada están as instalacións da granxa que pretendeu ser modelo innovador a seguir para as xentes do medio rural, e darredor da que xurdiron actividades como os Cursiños Agropecuarios para Mestres e a difusión de novos métodos de cultivos e de crianza gandeira. “A Ponticela“ foi durante anos lugar de formación e posta en contacto coa natureza para nenos e mozos das cidades en xornadas de estudos e campamentos. Nas súas instalación tamén funcionou algún anos un Albergue de Peregrinos.
Deixando á dereita a pista que vai cara Goián, coincidente co trazado do vello Camiño de Lugo a Monforte, chégase ao lugar que foi coñecido como “Nabáis do Camino Francés”, agora nomeado como Nabás. Son unha chafarica e unha e outra banda da estrada de “Santa María á Feira de Paradela”, que polo Mercado da Serra e Vilamaior vai a Castro do Rei de Lemos no Camiño de Chantada e Pontevedra .
Unha das casas foi un establecemento comercial e na outra vivíu o moi coñecido gaiteiro, Pepe de Nabás, un dos máis fieis conservadores da tradición musical popular na comarca.

Nabás / Alba López
Xoán López de Nabáis vendeulle ao crego e alcipreste sarriao Gonzalo Pérez a renda dun ferrado de pan en 21 de novembro de 1526 e o 21 de marzo do ano seguinte vendeulle tamén outra renda dunha fanega de pan centeo.
Na actualidade as dúas casas de Nabás fican pechadas e a Casa de Barreiros só está ocupada en contadas ocasións. A granxa, terras e edificacións anexas están postas á venda.
Perto de Barreiros está o lugar da Nogueira, tamén da parroquia de Ortoá, atravesado por un camiño paralelo ao que estamos seguindo e que dende a Ponte da Áspera, polo Currial e A Nogueira seguía cara a parroquia de Meixente, incorporándose máis adiante á ruta principal e que como camiño cara Portomarín foi sinalado por Eduardo Lence-Santar e Guitián.