HomeMovementos sociaisA aldea San Cristovo de Mouricios, en Chantada, acolleu un encontro para...

A aldea San Cristovo de Mouricios, en Chantada, acolleu un encontro para atopar propostas que transformen o rural

O evento en cuestión foi o Foro Rural Sustentable, un encontro que chegaba á súa 3ª edición e que reuniu, entre o 25 e o 26 de abril, a máis de cen asistentes vinculados ao rural. Nas tres xornadas poidéronse escoitar as achegas de expertos, empresas e axentes con novas perspectivas para a procura dun rural máis próspero e sostible.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A granxa Vos Casares, actualmente reformada como espazo de produción de pensamento e situada na aldea San Cristovo de Mouricios, en Chantada, acolleu durante dúas xornadas, 25 e 26 de abril, interesantes e variadas charlas e mesas de debate que versaron sobre a substitución xeracional, a soberanía alimentaria, a comunicación no rural ou o papel do sector primario nunha situación global de incerteza.

Así mesmo, expuxéronse algunhas iniciativas que impulsan a transformación rural, como é o caso das empresas Ecocelta ou A Castrexa, e tamén exemplos de mulleres que están a visibilizar o seu día a día no rural a través das redes sociais, como Ana Domínguez @nuskachousa) ou Sandra Martínez @nosa_granxa).

O prestixioso xornalista Manuel Campo Vidal, quen conduciu o acto deste sábado, puxo en balance as desigualdades territoriais que vive o rural, pero trasladando unha mensaxe de optimismo e de esperanza polos avances lacadados no desenvolvemento rural. Lucía Casal, gandeira, e Beatriz Varela, labrega, dúas mulleres novas con explotacións agrícolas no rural foron as primeiras relatoras en participar nun coloquio sobre a substitución xeracional, achegando a súa propia visión sobre como é vivir no rural e como crean comunidade a través das redes sociais.

Pola súa banda, o economista David Soto e o arquitecto Manuel Borobio, abordaron a cuestión da tematización do rural, e barallaron os posibles camiños aos que o desenvolvemento rural pode dirixirse. Posteriormente, o director de Onetec, Roberto do Navío, e o xerente de Gradiant, Fernando Jimenéz, falaron con Laura Fernández, consultora experta en innovación financeira, sobre a estrutura económica rural. Jiménez subliñou a falta de “profesionalización na xestión das empresas”, polo que animou a “falar entre todos, porque é esencial polo tamaño das organizacións” para aprender en comunidade.

Jose Juan Ruiz, presidente do Real Instituto Elcano, un dos relatores máis esperados da xornada, deu a súa visión sobre o rol do sector primario no mapa xeoestratéxico mundial, entrevistado por Manuel Mostaza, Director de Asuntos Públicos de Atrevia. Ruiz quixo destacar dous das problemáticas que afectan o mundo na actualidade: o cambio climático e a desigualdade. Para o economista “as comunidades como Galicia teñen moito que achegar a estes dous temas, pero hai que facelo con conciencia, non con romanticismo”.

Finalizando as xornadas, xa pola tade, Ricardo Fernández (CIFP Carlos Oroza) moderou a mesa na que participaron Sergio Quiroga (Ecocelta), Nuria Alonso (Bigcrafters) e Paula Patiño (A Castrexa) quen ofreceu unha mirada integral á soberanía alimentaria. Sergio Quiroga de Ecocelta subliñou a relevancia do coidado do rural, sinalando que a soberanía alimentaria existirá “sempre que nos podamos alimentar. Se os chans terminan contaminados, teremos que comprar alimentos fóra”.

Antes de rematar, as creadoras de contido Ana Domínguez e Sandra Martínez amosaron como comunicar con proximidade e autenticidade a través das redes sociais, dando visibilidade a como se vive no rural. “Ao principio pensei Que sentido ten subir vídeos?, agora paréceme unha boa ferramenta, porque así podo ensinar o que sei sobre a terra”, explicou Ana Domínguez. Pola súa banda, Sandra Martínez destacou que tamén é importante “saber escoitar a sabedoría popular que nace no rural”. Deste coñecemento, a moza está a crear unha granxa-escola dixital para trasladar esta información á sociedade. Xornada técnica interna e grupos de traballo.

III Foro Rural Sustentable. Foto cedida polo gabinete de prensa da organización.
XORNADA TÉCNICA INTERNA E GRUPOS DE TRABALLO

O pasado venres 25 de abril a xornada tivo un carácter técnico avaliándose a nivel interno tanto as necesidades que demanda o sector primario como o estado actual do rural. Tamén se expuxeron preguntas que trasladaron aos grupos de traballo que se formaron durante a tarde. Estas mesas de traballo impulsaron a presentación de centos de ideas para para desenvolver un rural máis próspero a medio prazo, propostas que se concretarán nun documento de traballo ao que a Fundación Galicia Sustentable dará forma proximamente.

ÚLTIMAS

Gran satisfacción do CCU de Monforte polo éxito da III edición do ‘Rally do Comercio’

Gran satisfacción do CCU de Monforte polo éxito acadado na edición deste 2025 da...

O PP de Monforte pide ampliar a RPT con perfís profesionais cualificados

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular defenderán no vindeiro pleno que a Relación de...

Do 28 ao 30 de abril córtase ao tráfico a estrada LU-P-1801, no concello de Carballedo

O corte afectará ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 18,00 e 29,396 desta...

O Pavillón da Pinguela acolle o Preeuropeo de Voleibol Feminino sub-16

Gloria Prada, en representación do Equipo de Goberno, saudou ás xogadoras e desexou que...