HomeEn profundidade‘Ouro de Quiroga’, da tradición ao mercado ‘gourmet’ para poñer en valor...

‘Ouro de Quiroga’, da tradición ao mercado ‘gourmet’ para poñer en valor o aceite autóctono

A empresa, que naceu no ano 2014, está centrada na recuperación de oliveiras autóctonas, camiña cara a produción en ecolóxico e traballa en varios proxectos de investigación para o tratamento responsable de residuos. Falamos con Julio Quiroga, un dos responsables do proxecto.

Publicado o

- Advertisement -

Xa hai quen se atreve a aventurar que o aceite galego vai camiño de ser o ‘novo albariño’. Carmen Martínez Rodríguez dirixe o grupo de viticultura da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e compara a explosión do aceite galego coa do albariño de hai trinta anos. Esta investigadora e o seu equipo de traballo, que levan uns anos traballando nun proxecto financiado pola Fundación Juana de la Vega, percorren Galicia marcando oliveiras centenarias e falando con propietarios de oliveirais para detectar e catalogar variedades autóctonas. A finais do 2017 as variedades “brava galega” e “mansa galega” foron aprobadas por resolución da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios, co cal estas dúas variedades xa se poden cultivar e comercializar oficialmente. Pero os estudios están indo máis alá e o pasado ano a investigación permitiu a catalogación de 13 tipoloxías autóctonas que haberá que seguir estudando e ‘bautizar’.

Na comarca de Quiroga hai moito potencial, e dende hai anos trabállase no cultivo e na recuperación de oliveiras autóctonas. Sabedores do futuro prometedor do ouro líquido desta zona, emprendedores como Julio Quiroga e os seus socios de Ouro de Quiroga, S.L. están apostando por este sector.

Julio Quiroga, na almazara de Ouro de Quiroga / XdL

Cando e como naceu Ouro de Quiroga?

O proxecto naceu como cooperativa no ano 2014 aproveitando a tradición olivareira da comarca. Os que empezamos vimos dende pequenos como as nosas familias e veciños collían as olivas e facían aceite para autoconsumo. A partir de aquí e coa axuda “do Piñeira”, un gran coñecedor do tema, con muíño propio dende hai anos no Soldón e con moita experiencia, decidimos apostar.

Cando empezastes xa había outras iniciativas empresariais na zona, non?

Si, estaban Bodega Mondelo e Val de Quiroga. Nós chegamos despois pero cunha estratexia de diferenciación ao apostar claramente polas variedades autóctonas. Moita xente optou por plantar variedades de fóra e nós, aínda que conservamos unha liña plurivarietal, estamos potenciando e queremos diferenciarnos pola comercialización da liña autóctona, con variedades brava e mansa.

Contastes con axudas para tirar adiante o proxecto?

Cando lle presentamos o proxecto como cooperativa ao Grupo de Desenvolvemento Ribeira Sacra-Courel, este apoiounos e axudounos a darlle pulo, foi un puntal importante para arrincar. O Concello de Quiroga no apartado administrativo e institucional tamén nos apoiou sempre.

Como avanzabas, a filosofía de Ouro de Quiroga é apostar pola produción autóctona. Como é o voso traballo para ter oliveiras que garantan esa produción?

Partimos de oliveirais que son propiedade dos socios e/ou das familias e pouco a pouco imos arrendando tamén a particulares. Tamén, pero en menor medida, mercamos olivas a pequenos produtores que non queren facer aceite. E para incrementar o número de oliveiras propias tamén plantamos, levamos a cabo labores de enraizamento de gallas (varas), o método da “estaquilla”, para conseguir as variedades que nos interesan.

Será difícil atopar oliveirais óptimos para un traballo eficiente e rendible?

Non é doado. Moitas oliveiras están abandonadas, cheas de silvas e o esparexemento e dispersión fai pouco rendible a súa explotación. En calquera caso, buscamos oliveirais cun mínimo de extensión, xuntando incluso varias propiedades, e arrendamos a 20 ou 25 anos as terras. E sempre coa esixencia de que as oliveiras sexan autóctonas.

A recolección deste ano xa rematou. Como é o traballo de recollida da oliva?

No noso caso, aínda sendo un traballo laborioso xa non é como antes. Como temos as oliveiras xa preparadas e o vareo é mecanizado a cousa vai máis rápida. Aínda se teñen que “muxir” as oliveiras a man pero moito menos, temos vareadores eléctricos e xa non se leva o traballo de varear a man.

“Muxir as oliveiras”?

Si, chamámoslle así ao feito de ripar as olivas das polas para collelas despois na rede. Este labor complementa o da vareadora.

E canta xente necesitades na tempada?

Cuadrillas  dunhas 4 persoas. Unha delas vareando e 3 collendo olivas, algunhas da árbore pero a maioría nas redes que se estenden polo chan.

Como foi a produción do ano pasado e como se prevé que sexa esta?

Do ano anterior podo dicirche que tivemos unha produción de 2.000 litros. Uns 1.500 de brava e mansa e uns 500 de plurivarietal. Deste ano aínda non temos datos concretos, o que si vimos é que o rendemento é menor aquí en Quiroga e disque no resto de España tamén. Un setembro e outubro moi húmidos xunto con ataques da ‘avispilla’ influíron neste sentido.

Moito traballo no moderno muíño que tedes en Quiroga? Canta oliva podedes moer na tempada?

Moito traballo. Ademais de moer as nosas olivas moemos a particulares. Ata hai unha semana foi un non parar. Este ano non fixemos balance pero o ano pasado entraron aquí uns 75.000 quilos de olivas.

Almazara funcionando e un equipo da TVG gravando / XdL
Equipo da TVG facendo un directo dende a almazara / XdL

Supoño que non só da Comarca de Quiroga?

Non claro. Temos moitos clientes socios da APAG (Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia). Veu xente de Ourense, da zona do Bolo, Trives, Valdeorras, Xinzo, Verín… do Bierzo, de Ponferrada, Cacabelos… de Pontevedra, A Estrada… e tamén doutras zonas de Lugo como O Saviñao, Taboada ou Chantada.

Traballades ben ou hai pouca oferta de ‘almazaras’?

Serán as dúas cousas. Respecto á almazara temos unha das máis modernas e diríache que incluso das mellores do noroeste de España.

Traballando tal cantidade e moendo tantos quilos de olivas, haberá moitos residuos. Que facedes con eles?

Canta máis produción máis residuos, claro. No noso caso o “orujillo”, residuo que queda despois de moer, xa non se aproveita, cousa que si fan noutros lugares para sacar aínda aceite pero de moi baixa calidade. Nós deixámolo secar e unha parte vai para abono como compost e outra para queimar nas estufas ou chemineas.

Neste eido estamos en varios proxectos de investigación para o tratamento dos residuos. Nun deles estanse probando como alimento para rumiantes e outros animais. Xa se probou con vacas pero non resultou porque provócalles problemas dixestivos. Sen embargo no caso dos porcos non lle fai mal e resúltalles san e altamente nutritivo tendo só un 16% de materia graxa.

E noutro de carácter colectivo, coñecido como “VALRESOLEICA”, formamos parte dun grupo operativo para a valorización de residuos da industria oleica.

Tamén traballades para mellorar a produtividade das oliveiras. Cóntame.

Trátase doutro proxecto que estamos desenvolvendo co CTC (Centro Tecnolóxico da Carne). Ten que ver coa oliva galega brava e mansa e busca a mellora da produción e o desenvolvemento de aceites diferenciados. Partindo dunha análise da terra nos oliveirais, próbase con diferentes tipos de abonados e diferentes cantidades de rego para valorar e mellorar a produtividade das árbores.

Como lle dades saída comercial ao aceite que producides?

A día de hoxe a través de tendas gourmet e no sector da restauración. Restaurantes como Nova, de Ourense, son clientes nosos.

Aceites que comercializa Ouro de Quiroga, S.L. / XdL

Mercado galego ou xa abrindo portas ao mercado nacional e internacional?

De momento mercado galego, non temos produción aínda como para explorar mercados máis grandes. A nivel nacional e internacional, cousas moi puntuais e xa co tempo se irá vendo. Como anécdota comentarche que temos un moi bo cliente en EE.UU. Un nutricionista de Minnesota que está encantado co noso aceite.

Produción ecolóxica?

Estamos camiño de sacar liña de aceite ecolóxico. Practicamente xa temos os oliveirais dados de alta en ecolóxico pero aínda non demos o paso administrativo definitivo para podelo comercializar con esta diferenciación. Seguramente para o vindeiro ano teñamos xa listo este tema.

ÚLTIMAS

‘Feira de Nadal’ para dinamizar o comercio local e a artesanía en Quiroga

O Equipo de Goberno do Concello de Quiroga organiza unha Feira de Nadal coa...

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...

Primeira fin de semana do ‘Mercado de Nadal’ de Monforte

Este sábado 21 de decembro abrirá as súas portas o Mercado de Nadal do...