HomesociedadeD 4 ao 6 de xullo celébrase a VII edición do Festival...

D 4 ao 6 de xullo celébrase a VII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

Manterase, como o ano pasado o emprazamento das actuacións musicais do Festival, que se ubicarán no propio recinto do Festival, e que este ano correrán a cargo de Searas, Lucía Pérez  e a Banda da Loba o venres e o sábado.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A montaxe e deseño dos stands, continúa a liña de edicións anteriores, pero modifícase o seu deseño gráfico, sempre conservando a esencia do Festival: madeira en cor natural, tons violetas e granates, e empregando elementos máis contemporáneos como son as teas microperforadas personalizadas en estruturas e pequenos xardíns verticais que o converte nun Festival de elite dentro dos eventos do viño.

Os horarios do Festival son os seguintes:

  • O venres 4 de xullo de 7 da tarde (19:00 h) á 1 da mañá.
  • O sábado 5 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde (15:00 h), e das 7 da tarde (19:00 h) á 1 da mañá.
  • O domingo 6, de 11 da mañá a 3 da tarde (15:00 h) e das 7 da tarde (19:00 h)  ás 12 da noite

Haberá unha importante zona de sombreado que abarca todo o recinto así como o acceso ó Palco Inaugural para que o visitante que se achegue poida pasear polo espazo do Malecón máis comodamente.

O longo do Festival haberá diferentes tótems informativos co programa de actividades para que o visitante poda seguir cada unha das actividades nos diferentes horarios. E disporemos de wi-fi gratuíto en todo o recinto.

Unha das novidades deste ano, será a presentación dos Tokens, fichas personalizadas como forma de pago, que substitúen os habituais selos que se atopaban á venda nos stands de recepción, que resultan mais difíciles de perder ou deteriorar, resultando máis cómodos para os visitantes do Festival. Ademais engadimos retroiluminación ó pórtico de entrada ó Festival que se engadiu o ano pasado por primeira vez e que foi utilizado por moitos visitantes como photocall. Tamén se melloran as salas de cata, “non soamente aumentan o aforo de cada taller, pasando de 30 participantes a 35 senón que tamén se delimitará o espazo da sala coa creación de muros laterais para facela mais acolledora e cómoda para os participantes”, explicou o alcalde, José Tomé.

Adegas participantes e Zona de gastronomía

As 30 Adegas participantes nesta sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, constitúen unha mostra de todas as subzonas da DO Ribeira Sacra: A Man de Prado, Aba Solleira, Abadía da Cova, Adega Vella, Albaredos-Hobbs, Algueira, Alma das Donas, Alouviño, Asolagados, Cividade, Condado de Sequeiras, Corzoás, Cruceiro, Don Bernardino, EDV, Finca Cuarta, Finca Míllara, Galanteiro, Guímaro, Gullufre, Lucenza, Malcavada, Ohmio, Petrón, Peza do Rei, Proencia, Regina Viarum, Tear, Tolo do Xisto, Viña Vella.

    Ademais, o Festival contará  cunha Zona de Gastronomía que contribuirá a acompañar mellor a degustación dos viños. Este ano serán un total de 12 participantes, repartidos por todo o recinto, e ofrecerán produtos da zona, dende queixos, postos de xamón, xeados artesáns, panaderías, ata racións máis elaboradas feitas por restaurantes de Monforte de Lemos: Queso negro Buleri, Lácteos Ribeira Sacra, Embutidos Valentina, Tres Fuciños Porco Celta, Xamóns D. Francisco, Xamóns Roberto, Helados Xeou, Panadería Fernández, Panadería La Luna, Restaurante Bocalino, Restaurante Manuel Bistró, Cervecería-Tapería O Toxo

      Inauguración e programa musical

      As actuacións musicais son outro dos piares do festival, e ó igual que o ano pasado, terán lugar no propio recinto do Festival. O Paseo do Malecón acollerá 3 actuacións musicais os días 4 e 5 de xullo.

      O venres 4 de xullo, terá lugar a ianuguración oficial, que abrirá coa actuación do Grupo Searas ás 20:30. Ás 20:45 h., terán lugar as intervencións institucionais do Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e do Pregoeiro, que este ano será José Luis Iravedra, Presidente da Asociación Cultural e Gastronómica “O Tizón”

      Ese mesmo día ás 11 da noite, actuará Lucía Pérez. O sábado 5 de xullo ás 23:00 h., será a quenda dun grupo musical galego, A Banda da Loba.

      Nesta edición o Equipo de Goberno ideou dous obradoiros de cata denominadas catas temáticas que se caracterizan por ser mais dinámicas, creativas, interactivas co público. O sábado 5 de xullo, de 11:30 a 13:00 h., terá lugar o obradoiro “Descobre: Castes senlleiras da Ribeira Sacra” a cargo de Carlota Iglesias, membro da Asociación Galega de Sumilleres. O domingo 6 de xullo, no mesmo horario, celebrarase o obradoiro sensorial “O sabor do viño coa Música” a cargo do sumiller Suso Soneira acompañado do grupo musical Amalia & Manuel. O 5 de xullo haberá Masterclass a cargo de Jorge Vila, director de Galicia Wine Academy. Ás 13:30 a 15:00h baixo o título “Na procura das viñas centenarias da Ribeira Sacra”.

      Todos os obradoiros e masterclass son gratuítos e faranse na zona acondicionada como Sala de Catas dentro do recinto do Paseo do Malecón. Pero como o número máximo que poden participar en cada un deles é de 35 persoas, é necesario facer reserva previa no teléfono 611 96 32 05 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

      Presentación Festival do Viño 2025 / Concello de Monforte

      Programa infantil

      O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte contará, como estes anos, con actividades infantís. Para iso, acondicionarase unha zona á beira do Rio Cabe para que os máis cativos podan disfrutar de diferentes obradoiros. O sábado 5, de 12:30 a 13:30, terá lugar o Contacontos a cargo de Anxo Moure. E de 19:30 a 20:30 h. Pintacaras a cargo de Velaísca Animación. O domingo 6, de 12:30 a 14:00 h. un Obradoiro de olería tradicional da Ribeira Sacra a cargo de Figulus. E de 19:30 a 20:30 h.  Teatro de papel impartido por Tarabelos.

      Vinorutas polo Sil e o Miño

      E Executivo de José Tomé segue apostando polas Vinorutas. Todas as Vinorutas partirán do Parque dos Condes, onde nun microbús un guía profesional guiará a actividade, sendo necesario facer reserva previa no teléfono 611 96 32 05 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

      A Vinoruta do Sil,  “A Ribeira do Sil e os seus viñosterá lugar o sábado 5 de xullo, con saída ás 15:30 h. Visitaranse varias adegas nas que se poderá participar e desfrutar de catas, concretamente a Adega Algueira na parroquia de Francos e a Adega Cruceiro na parroquia de Vilachá, para partir cara ao embarcadoiro de Ponte do Sil e facer un percorrido polo Cañón do Sil e coñecer a súa espectacular viticultura de montaña.

      O domingo 6 de xullo, a Vinoruta do Miño, “A Ribeira do Miño e os seus viños” permitirá coñecer a ribeira do Miño en Zodiac. Saíndo ás 9:30 h. de Monforte, comezará cun percorrido en zodiac para coñecer os viñedos en bancais desta viticultura de montaña. Farase unha parada na Fervenza de Augacaída. Seguidamente está prevista unha visita á adega Abadía da Cova. Dende alí partirase cara ao concello veciño de Pantón para realizar unha divertida actividade coa empresa O Segredo do Monxe onde se catarán 6 viños, varios deles a cegas.

      José Tomé salientou a importante promoción publicitaria que levará a cabo o Concello de Monforte. “Agora que xa fixemos público o cartel e o programa oficiais, axiña comezaremos xa a difundilos para conseguir darlle a máxima visibilidade á celebración do Festival do Viño que vai acoller a nosa cidade nos primeiros días do mes de xullo”

      O obxectivo é “que nos visite moita xente durante os tres días que vai durar o evento, que en definitiva debe supoñer o colofón a todas as feiras que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe do sur da provincia de Lugo”.

      “Se o tempo nos acompaña”, subliñou o Alcalde, “estamos seguros de que esta edición do Festival do Viño, atraerá a miles de visitantes a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra, que nos axudarán a dinamizar a economía da comarca, particularmente o mundo do viño, a hostalería e o comercio.”

      “En definitiva, queremos promocionar o viño, a Ribeira Sacra e a Monforte, que é a súa capital, e animar tanto ós monfortinos como ás persoas que veñan de fora a que desfruten eses días en Monforte dun Festival do Viño único, estou seguro de que non se sentirán defraudados.”

      ÚLTIMAS

      O Quiroga Trail Challenge ‘reinvéntase’

      Despois dun agosto fatídico para parte das montañas do Concello de Quiroga por mor...

      A Xunta resposta a Tomé sobre a acollida de migrantes no centro de Monforte: “Se demostrou ser solidario debería dar as grazas”

      A conselleira de Política Social, Fabiola García, replicou ao alcalde de Monforte e presidente...

      Monforte prepárase para o San Mateo

      A mesa de seguridade para a celebración do San Mateo estableceu tamén a circulación...