O camiño pode ser seguido deixando á dereita o lugar de Domiz, ou ben pasar a carón de onde estivo a Capela de Santiago, deixando o lugar á man esquerda. O treito sur ten unha lonxitude de 502 metros e o do norte 511 metros. Atravesa campos de cultivo nas denominacións de Namelo da Fonte, Horto de Queixeiro, Penelo, Horto de Pé da Casa, Horto de Domiz, O Ichó, Leiro, Pombal, Leiro do Chao, Trande, Chao de Domiz, Santiago (hoxe horto), Hortiña, Soutelo, Cortiña da Porta, Aira da Torre, Souto do Chao e Chao de Domiz.
As casas do lugar, na actualidade son as seguintes: Florentino, Aldea, Xastre, Marzán e Chao. No ano 1871 había na aldea 4 casas habitadas e unha vaga.
A desaparecida Capela de Santiago da que por vez primera se publica a súa identificación e o sinalamento da súa situación, xunto coa Torre de Domiz, señorial cabeza do couto, son as referenzas históricas máis destacadas na parroquia, ademáis da igrexa parroquial.
A Torre de Domiz, xa desaparecida, aparece citada en documentos dos anos 1616, 1662 ( “…no pazo e Torre de Domiz ) e 1760 (“… no pazo e Torre de Domiz”).

O Chao de Domiz é un espazo comunal no que conflúen o ramal que estamos a seguir e o que procedente da Pena do Real e Muíño de Marzán, polo Sistelo, alcanza o casal da Pena, lugar este da parroquia de Belante. O Chao de Domiz é merecente de que se lle dea protección especial como paraxe de vizosa vexetación, e mesmo se debería acondicionar parte del como aira de descanso para os camiñantes. Nese punto conflúe ademáis outro camiño que vindo da Serra de Goián, pasando por baixo do Monte de San Marco na Montaña do Páramo, entrocaba cos camiños do Páramo e de Lugo.
A igrexa parroquial de San Xulián de Meixente queda ao norte da calzada e segue a tipoloxía dos templos alzados ou anovados no século XVIII, con porta principal en arco e espadana para as campás, e o camiño que pasa ao seu rente só esporádicamente, sería seguido por peregrinos. Esta igrexa foi unha das que en amigable composición o Mosteiro de Samos, na Idade Media, acabou cedéndoas ao Bispo de Lugo.
A estrada de Portomarín vai en paralelo e ao sur do Camiño Xacobeo e pasa polo lugar da Penela, sendo seguida na actualidade por moitos peregrinos ciclistas que evitan seguiren a ruta histórica, evitando as incomodidades das vías de terra e pistas polas que pasan multitude de camiñantes, constituíndo un verdadeiro perigo ter que compartiren ese espazo cos xacobitas pedestres e xinetes que avanzan confiados coas súas cabalgaduras.

Igrexa Meixente / AL
Anos atrás estableceuse unha ruta alternativa para ciclistas, integrada nun circuito europeo coñecido como “EuroVelo 3” , que ten a súa orixe en Trondheim (Noruega) e remata en Santiago de Compostela. Saíndo da vila de Sárria pola Rúa Code de Lemos e a Rúa dos Esqueiredos vai á igrexa de Farbán, continuando por A Rañoá, Vilei, Mosteiro de Barbadelo, San Silvestre, Rente, Mercado da Serra e pola estrada de Vilamaior, pasada a capela e o lugar de Taíde, torce á dereita en dirección a Biville. Dende alí, pola estrada de Portomarín, segue polo Neo e a Ponte do río Loio (A Pinza) e ao chegar á altura do Castro de Barán xira á dereita en direción a Ferreiros (Paradela).
O treito xacobeo histórico entre A Ponte da Áspera (Sárria) e Domiz (Meixente), -Camiño de Portomarin–, foi recuperado e puxeron marcos anos atrás, seguindo un trazado máis dereito ca o “canónico” marcado por Elias Valiña.
Unha mala lectura de fontes documentais e odopéricas levou a algúns autores a sinalar un ramal entre o Mercado da Serra e o lugar de Meixente, que levaría polo Monte de Lamalonga a introducir un arrodeo, que a rede de camiños desminte, xa que o entroncamento estaría no lugar do Sisto.
Na actualidade, a “ruta canónica “ pasa alonxada da parroquia de San Xulián de Meixente por terras de Barbadelo e de Belante.

Hórreo Domiz / AL