HomesociedadeUnha empresa de tratamento de madeira instalarase no Porto Seco de Monforte

Unha empresa de tratamento de madeira instalarase no Porto Seco de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar a próxima implantación de HMD Timber no Porto Seco. Trátase dunha empresa familiar con traxectoria na industria da madeira, que proxecta construír en Monforte unha planta de serradoiro, fabricación de envases e embalaxes e comercio de madeira e os seus derivados, entre outros produtos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O rexedor compareceu ante os medios de comunicación para dar a coñecer este proxecto acompañado polo representante da citada empresa, Manuel Díaz Pavón, que ofreceu os detalles do proxecto que esta mercantil, constituída en Valencia e con domicilio social en Monforte, ten previsto desenvolver en terreos da Área Loxística e Intermodal do Porto Seco. “Falamos dunha gran noticia para Monforte, para a industria monfortina e para a actividade económica e o emprego do noso Concello e da comarca, porque queremos que Monforte siga indo ben, siga en racha e siga medrando. Por fin imos conseguir que o Porto Seco teña vida e empece a ter actividade empresarial e económica”, afirmou o rexedor.

O anuncio da implantación desta empresa no Porto Seco faise logo de que os representantes de HMD Timber mantiveran os primeiros contactos con Xestur e o IGAPE, e de que a Secretaría Xeral de Industria solicitase ao Concello de Monforte un informe de viabilidade urbanística, que foi remitido para facilitar o proxecto. Recentemente, e tamén a instancia da empresa, o Concello trasladou información urbanística sobre catro parcelas desta Área Loxística. “En canto confirmamos desde o Concello o interese de HMD Timber en instalar a súa actividade no Porto Seco de Monforte puxémonos a traballar para axilizar as xestións e facilitar desde o primeiro momento a súa implantación”, explicou Tomé.

Así, a Xunta de Goberno do pasado luns, 15 de setembro, aprobou dar traslado a HMD Timber da información urbanística solicitada, referente a 4 parcelas que se atopan dentro do Proxecto sectorial da Área Loxística e Intermodal do Porto Seco, e concretamente na Mazá C, na que se sitúan as parcelas grandes para edificación illada. En total, unha superficie de 90.957 m2.

concello emprendedor e emprego

Así mesmo, adiantou que a materia prima que utiliza HDM Timber é exclusivamente o piñeiro das dúas especies implantadas en Galicia: pinaster e radiata, “o que lle da valor engadido a unha materia prima moi presente en Monforte e a súa comarca”. José Tomé adiantou que a empresa ten prevista unha inversión de 29,5 millóns de euros para poñer en marcha esta nave, e que “vai xerar 34 postos de traballo directos e máis de 500 empregos indirectos no ámbito da explotación forestal, espallados polo territorio en labores de corta e transporte”.

Do mesmo xeito, avanzou que a actividade no longo prazo está garantida “xa que HDM Timber ten xa asinados acordos con empresas como Maderas Vilapol S.A. e Maderera de Cospeito S.L., para subministrar 200.000 Tm (toneladas métricas) de madeira durante un período de 15 anos. O resto será con produtores locais.

Presentación proxecto HDM / Concello de Monforte

Así mesmo, Tomé explicou que na elección de Monforte por parte desta empresa tivo moito que ver a condición de “Concello Emprendedor”, o que implica bonificacións na tributación local e na adquisición de terreos.

Pola súa banda, Manuel Díaz Pavón puxo en valor a traxectoria da empresa HMD Timber e a importancia de facer unha xestión sostible do monte como medio tamén para evitar os incendios forestais. Destacou o compromiso da empresa con esta iniciativa, á que destina 16 millóns de euros de fondos propios. Díaz Pavón adiantou tamén que o proxecto está moi avanzado, so pendente da declaración de Proxecto Empresarial Estratéxico por parte da Xunta  para a súa posta en marcha. A previsión é poder iniciar as obras de construción da planta na vindeira primavera.

ÚLTIMAS

Información ambiental para a veciñanza no Concello da Pobra do Brollón

O equipo de Axentes Ambientais, dependente da Consellería de Medio Rural, ofrece atención á...

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...

O PP de Monforte volve reclamar máis seguridade no paso a nivel da Florida

Este paso a nivel volveuse poñer en funcionamento despois das obras na liña ferroviaria...