HomeCultura"Nabiza Girl", alterego de Isabel Risco, no Nadal Cultural da Pobra do...

“Nabiza Girl”, alterego de Isabel Risco, no Nadal Cultural da Pobra do Brollón

Será o domingo 21 de decembro na Casa da Cultura Olga Novo. Ademais, haberá moitas máis actividades para todas as idades como obradoiros, contacontos, concertos musicais, baile, presentacións literarias e a Cabalgada de Reis.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A programación de Nadal do Concello da Pobra do Brollón empeza este ano con literatura e cunha sesión moi especial de humor, retranca e crítica social. O sábado 20 de decembro ás 18:30 h terá lugar na parroquia de Parada dos Montes o espectáculo de narración oral ‘Bailen as vellas’, con Vero Rilo e Atenea García e organizado pola Asociación veciñal de Parada. E o domingo 21 ás 13:00 en Trasmonte, Vilachá de Salvadur, será a presentación do poemario ‘Agora, eu cariota’ de Xosé Gago, evento que organiza a editorial Laiovento.

O mesmo domingo, pero pola noite, a popular actriz e cómica Isabel Risco presenta o seu espectáculo “As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da cultura minguante”. Terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’.

Isabel Risco métese na pel da súa personaxe máis coñecida e querida para enfrontarse a un dos seus maiores retos: combater cos seus superpoderes e unha gran dose de retranca a desaparición progresiva da cultura galega. Unha aventura trepidante e divertidísima, na que Nabiza Girl contará coa colaboración de Don Galizo, interpretado por Alberte Bello, que porá todo tipo de atrancos cómicos. 

EVENTOS MUSICAIS

A programación municipal continuará o día 26 de decembro cun espectáculo para público infantil: o Consertasso na horta. Brais das Hortas ofrecerá música e humor para toda a familia nun concerto no que a Santa Compaña aparece entre as patacas cantando un trap, hai unha pulga punk, os caracois reivindican o reggae, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Este ecosistema musical darase ás 17:30 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. 

A música seguirá o sábado 27 con ‘Panxoliñas polas Parroquias’. O coro e demais alumnado da Escola municipal de Música Samoeiro percorrerán Saa, Piño e Canedo a partir das cinco da tarde, para interpretar nas igrexas parroquiais cantos de Nadal e repertorio festivo.

O domingo 28, tamén na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, terá lugar outro concerto. Neste caso correrá a cargo do artista quirogués Peitoescuro que interpretará temas do seu álbum debut Semente na fenda, unha proposta arraigada nas terras do Courel e da Ribeira Sacra e que bebe da tradición folclórica ibérica. Este artista, non hai moitos días, presentaba o seu terceiro videoclip que poñía remate á unha triloxía audiovisual que dá lugar ao devandito álbum.

MERCADO CIRCULAR DE NADAL E FIN DE ANO

Previamente ao concerto, a partir das 16:00 da tarde, tamén na Casa da Cultura, estará aberto o Mercado Circular de Nadal, cunha ducia de postos de produto local e artesanía na Casa da Cultura. Esta proposta busca fomentar o consumo local e sostible nestas datas festivas.

Da noite do 31 ao día 1, A Pobra do Brollón celebrará a entrada ao 2026 cunha festa Fin de Ano a partir da 1 da mañá na Casa da Cultura. Haberá barra e baile animado polo Dúo Eclipse.

ACTIVIDADES DE ANO NOVO

Xa no novo ano, o venres 2 de xaneiro ás 20:00 horas, a autora María José Tardaguila Sánchez presentará na Casa da Cultura a súa novela debut, 1140, libro de ficción histórica sobre o Camiño de Santiago do século XII acerca dos perigos que ameazaban aos peregrinos na época.

A programación de Nadal chegará ao seu fin o 5 de xaneiro coa tradicional cabalgata dos Reis Magos, a partir da 17:00 h e cun percorrido pola Pobra do Brollón que rematará na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ coa entrega dos agasallos. 

OBRADOIROSDE NADAL PARA A CATIVADA

A maiores destes eventos, a Biblioteca municipal ‘Antonio Reboiro’ organiza obradoiros de Nadal destinados a nenos e nenas entre 4 e 12 anos. Terán lugar os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e 2 de xaneiro, en horario de mañá.

ÚLTIMAS

O IES A Pinguela estrea Aula Tech Beauty despois do Nadal

As obras de adaptación dos espazos e a instalación do equipamento tecnolóxico previsto xa...

A Casa da Cultura de Chantada acolle a exposición dos traballos do Programa de Pintura

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o 12 de xaneiro de 2026...

Teatro en Monforte o 26 e 30 de decembro

O ciclo de citas teatrais comezou o día 23, con “Nadal en prácticas”, da...

Cousas Xacobeas: O Camiño na parroquia de Meixente: Mouzós e O Sisto (I)

Esta parroquia aparece denominada na Idade Media como “Castelo”, nome que perdura no topónimo referenciado perto do...