Ademais dos corpos arrastrados na loita contra os franceses no século XIX, moitos foron os veciños que por diversas circunstancias perderon a vida nas augas do Sil e do Bibei ao longo do século XX. O suceso máis tráxico aconteceu no Bibei entre Os Anguieiros e Casares, aldea na que a barca era peza fundamental para a vida cotiá, que nesa actividade era de balde, e na que pasaban a diario cabras e ovellas ás terras de labor dun lado ao outro do río.
A embarcación era de pasaxe, e tiña capacidade para transportar persoas e animais a un tempo; só se cobraba o transporte de persoas para as festas, aos forasteiros, ou cando se levaba ou traía algún animal da feira. Con eses cartos pagábase aos barqueiros e o mantemento da barca, se algo sobraba era para as festas.
O mércores 28 de xaneiro de 1942, festa do Santo Tirso en Casares, o río Bibei viña bravo por mor das fortes choivas dos días anteriores, mesmo había serias dúbidas entre a mocidade da contorna sobre a posibilidade de poder acudir a ela. Pola mañá, os ramistas de Casares cruzaron o río para recoller a José Miguélez Morán, crego ecónomo de Montefurado, para que fora oficiar a misa do patrón; cando despois do xantar fixeron a viaxe de volta para trasladar ao sacerdote, viron que as augas viñan inda con máis forza, mesmo tiveron grandes dificultades para achegarse á outra beira.
Entre as tres e as catro da tarde, coa música xa soando no campo da festa, na Balsada agardaba moita xente nova que non se resignaba a quedar sen troula, e malia que os barqueiros insistían no perigo que supoñía regresar a Casares polo estado do río e con tanta xente, tan pronto baixou o crego subiron case que todos a bordo, uns trinta e sete, segundo acreditan testemuños e un informe do Concello de Quiroga. O músico dos Alvaredos Manuel González, que ía a correr cara a barca berrando “agardade, agardade”, e non chegou a tempo, os que decidiron non montar e o crego de Montefurado foron testemuñas dunha gran traxedia.
“Entre as tres e as catro da tarde, coa música xa soando no campo da festa, na Balsada agardaba moita xente nova que non se resignaba a quedar sen troula”
A barca estaba amarrada nunha entrante do río amansado pola protección dunhas penas, o que configuraba un pequeno porto natural. Nada máis asomar a proa ao río, a barca móvese máis do normal por mor da turbulencia das augas orixinada polas fortes treboadas de días anteriores. Nese momento, algúns homes que ían na parte traseira saltan á terra o que provoca unha descompensación na carga facendo ingobernábel a barca, que acaba por rachar pola metade e envorcar.
O exceso de pasaxe, que non atende as advertencias dos cinco barqueiros de que non subiran, e despois de que estiveran quedos, concorda co informe remitido polo alcalde de Quiroga ao Gobernador da Provincia, e cos testemuños de José González Morán, veciño de Casares, e Manuel González, veciño dos Anguieiros que a un mes da súa voda ía á festa coa moza.
Os barqueiros trataron de axudar na medida do posíbel salvando a varias persoas, un deles pagouno coa vida; os catro superviventes estiveron no cárcere dende o 4 ao 14 de febreiro de 1942. Todo apunta a que os testemuños dos veciños, no senso de que non tiveran nada que ver coa orixe da traxedia, axudaron á súa liberación.
Con todo, as dilixencias por imprudencia temeraria abertas polo Xulgado de Quiroga contra os barqueiros Joaquín Díaz Rodríguez, 21 anos; Hermenegildo Vicente González, 19 anos; Clemente González Pérez, 20 anos e Magín Díaz Rodríguez, todos de Casares, rematan no xuizo oral e público celebrado o 3 de maio de 1943 na Audiencia Provincial de Lugo.
A sentenza, que recoñece a insolvencia e a boa conduta dos acusados, malia o manifestado polos testemuños citados e o informe do alcalde de Quiroga, estabelece que “non só admitiron na barca unha excesiva cantidade de persoas, se non que mesmo dixeron a outras que tiñan medo de entrar nela, por vela excesivamente cargada, que non farían outra viaxe, inducíndoas deste xeito a entrar na embarcación, que cargada así excesivamente, presentaba o seu bordo case que ao nivel da auga…” A narración das causas que provocaron o afundimento da barca é semellante ao relatado por José González Morán.
O auto condena aos catro barqueiros como autores dun delito de imprudencia temeraria, con resultado de 12 homicidios, á pena de dez meses e un día de prisión menor, ás accesorias de suspensión de todo cargo e do dereito de sufraxio no tempo da condena, así como ao pago de 5.000 pesetas aos herdeiros de cada unha das víctimas. A sentenza foi declarada firme por auto o 11 de maio, e por outro do día 27 dese mes sonlle concedidos os beneficios da suspensión da condena. Sete anos despois, unha Orde do Ministro de Xustiza do 10 de marzo cancela os antecedentes penais.
A memoria colectiva desta traxedia que encheu de loito varias aldeas, principalmente dos Anguieiros, orixe da maioría dos viaxeiros, fala de máis de vinte mortos, mesmo La Voz de Galicia do día 1 apunta que foron polo menos 38 dos 42 que ían na barca. Cifras que como vimos de ver non se parecen en nada aos datos achegados no proceso xudicial, que son coincidentes cos do informe do Alcalde de Quiroga elaborado catro días despois do accidente e no que figuran os nomes das persoas falecidas. Unha das persoas afogadas foi Inés Ogando Ferreiro, bendollesa residente na Balsada.

A discrepancia nos datos sobre falecidos repítese no número de corpos recuperados, esta vez entre os propios veciños. Hai coincidencia en que non apareceu o corpo do mestre de Vilanuide e sabemos que nunca se atopou o da noiva de Manuel González Pérez, mesmo algúns falan de tres desaparecidos. Sabemos que os cadáveres foron aparecendo ao longo da primeira semana de febreiro; catro días despois da traxedia só apareceran tres, facendo máis dura e prolongada a dor dos familiares que andaban na súa procura polas ourelas do Bibei e do Sil.
“A discrepancia nos datos sobre falecidos repítese no número de corpos recuperados”
Nun informe do alcalde, que semella borrador dun escrito para remitir ao Gobernador Civil, despois de describir o acontecido, manifesta que a desgraza estase a cebar neste pequeno pobo, lembrando a catástrofe de novembro de 1934, que os deixara completamente arruinados. O derrubamento da Boca do Monte e o desbordamento do río Sil “arrasou por completo a maior e máis valiosa parte das terras cultivábeis, ou sexa a chamada Veiga de Anguieiros, único sitio onde podían cultivar forraxes e verduras, así como gran cantidade de castañas, é dicir, o único dalgún valor que tiña o pobo; hoxe nada diso teñen e agora veñen de perder o máis florido da súa xuventude…”
O recordo da traxedia anterior serve para que Arturo Núñez Soto lembre ao Gobernador Civil que non foran atendidas as peticións de axuda que se fixeran no seu día ás autoridades públicas para os damnificados daquel suceso, e que despois do loito que agora afecta a toda a veciñanza reclama a mediación da autoridade provincial para acadar un auxilio ou axuda que sirva de lenitivo para tanta desgraza. Tal como acontecera nove anos antes, as axudas, se se pediron, nunca chegaron.

NOTAS
1-Sete dos afogados eran dos Anguieiros, catro mulleres solteiras de 16, 22, 25 e 29 anos e tres homes, os demáis eran da Balsada, Casares, Sesmil e Montefurado.
2-Este artigo foi extraído do libro: “Bendollo, sempre na memoria. Crónica urxente dun mundo que esmorece”. Autor: Xerardo Rodríguez Arias.

