A Asociación de Medios en Galego (AMEGA), vén organizando dende o 2018 un encontro para conmemorar o “Día dos Medios en Galego”, efeméride que celebra a presenza da lingua galega nos medios de comunicación e rende homenaxe á figura de Valentín Lamas Carvajal, impulsor de O Tío Marcos d’a Portela. Esta publicación considérase a pioneira no emprego do galego marcando un fito fundamental na normalización da nosa lingua na prensa escrita e na creación dun espazo de opinión e identidade propia no ano 1876.
Esta xornada consolídase dende ese 2018 como un espazo anual de encontro, reflexión e celebración colectiva arredor do papel dos medios de comunicación en galego, da súa traxectoria histórica e do seu valor estratéxico no presente e no futuro do país.
MESA COLOQUIO SOBRE A IA, REDES SOCIAIS E DESINFORMACIÓN
O venres día 6, o Liceo de Ourense acollerá ás 18:00 horas unha mesa coloquio centrada en “Intelixencia artificial, redes sociais, alfabetización dixital e desinformación” .
O acto será inaugurado por Noa Rouco, concelleira de Artes e Festexos do Concello de Ourense, e por Fernando de Paz, presidente de AMEGA. Ademais, contará con profesionais e representantes de entidades de referencia do ámbito galego, catalán e vasco.
No debate participarán profesionais e expertos de referencia no ámbito estatal:
- Joxe Rojas, director de TIC e Comunicación de Tokikom, a rede que integra 69 medios locais en euskera.
- Quico Domingo Serra, socio-director de Sorensen AI e representante de AMIC, entidade que agrupa 600 medios cataláns.
- Ferran Pedrix, director de Sistemas e I+D+I en Diari Segre Comarcal e vicepresidente da Asociación Catalá da Prensa Comarcal.
- Paulo Gamallo, catedrático da USC e investigador do proxecto Nós, iniciativa clave para o desenvolvemento de recursos de intelixencia artificial en galego.
- Iván Iglesias, director de OUKE!, produtora audiovisual especializada en contidos para redes sociais.
- Rebeca Munín, directora da revista Pincha e vicepresidenta de AMEGA.
A clausura correrá a cargo de D. Rosendo Luís Fernández, deputado provincial da Deputación de Ourense, e de Valentín García, secretario xeral da Lingua, e a continuación ofreceranse petiscos no propio Liceo.
FOLIADA NA PRAZA DE SAN MARTIÑO
A celebración continuará ás 21:00 horas cunha gran foliada na Praza de San Martiño, que reunirá a destacadas agrupacións da música tradicional ourensá. Esta actividade está coorganizada co Concello de Ourense.
Participarán nesta foliada: A Galleira, asociación cultural comprometida coa lingua, a cultura e a música tradicional, que reivindica tamén o legado do barallete ourensán; Cantos da Cunha, agrupación nacida no barrio da Cuña arredor da música popular e do espírito taberneiro; Feitizo de Pau, referente da música tradicional en San Cristovo de Cea, centrado na recuperación de muiñeiras, xotas e cantos de taberna; Escola Provincial de Danza-Castro Floxo, grupo histórico dedicado á investigación e difusión do folclore galego desde 1977; e Coral de Ruada, fundada en 1918, unha das formacións corais máis emblemáticas de Galicia, con ampla traxectoria internacional.
ROTEIRO POLO OURENSE DE VALENTÍN LAMAS CARVAJAL
O sábado día 7 celebrarase un roteiro polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal tendo lugar a saída será ás 11:00 horas desde o Cemiterio de San Francisco e cun percorrido por diferentes espazos emblemáticos da cidade vinculados á súa figura.
A actividade, organizada polo Consello da Cultura Galega, rematará cun cocido no Liceo de Ourense, amenizado pola Coral de Ruada.
COMPROMISO COA LINGUA
O Día dos Medios en Galego reafirma o compromiso do sector coa lingua propia e coa comunicación de proximidade, reivindicando o legado histórico iniciado por ‘O Tío Marcos d’a Portela’ e proxectándoo cara aos retos actuais do ecosistema mediático.
Desde AMEGA convídase á cidadanía, ás institucións e aos profesionais do sector a participar nestes actos conmemorativos e a sumarse á celebración de 150 anos de xornalismo en galego.

