HomeCulturaPresentación do novo libro do escritor Armando Requeixo,'Literatura insólita'

Presentación do novo libro do escritor Armando Requeixo,’Literatura insólita’

A organización corre a cargo da asociación cultural aulABERTA e terá lugar no salón de actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra este mércores 11 de febreiro ás 19:30 h. Colaboran no acto a Librería Pelayo, a Editorial Galaxia e o Concello de Monforte.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Publicado pola Editorial Galaxia, Literatura insólita reúne unha escolma de artigos nos que o autor propón unha ollada distinta e suxestiva sobre a historia da literatura. A través de textos áxiles e ben documentados, Requeixo afonda nas facetas máis sorprendentes da creación literaria: libros raros e esquecidos, títulos singulares, temáticas inesperadas e relacións pouco coñecidas entre a literatura e ámbitos como o xadrez, a gastronomía, a ciencia, os mitos ou a intelixencia artificial. O libro, en si mesmo, constitúe un convite á lectura desde a curiosidade e o asombro.

Tal como indica o autor no limiar “este é un libro para todos, un libro para ti, para que poidas coñecer o lado máis inusual ou esquecido ou divertido ou insospeitado da literatura e te decates de que a vida, obra e milagres dos escritores e as súas imaxinativas aventuras poden ser unha fonte de pracer e de entretemento, e tamén de amable aprendizaxe”.

Dende a Asociación cultural, educativa e social, aulABERTA, organizadora do evento, sinalan que “a presentación de Literatura insólita en Monforte de Lemos será unha oportunidade para dialogar co autor sobre os límites e as marxes da literatura, así como para achegarse a unha obra que reivindica o valor do insólito como motor da lectura e do pensamento crítico”.

O AUTOR

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é crítico literario, profesor na Universidade de Santiago de Compostela, catedrático de Lingua Galega e Literatura, e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Desenvolve desde hai anos un intenso labor de divulgación e análise literaria en xornais, revistas especializadas e medios dixitais. É autor de numerosos estudos, edicións críticas e monografías sobre figuras clave da literatura galega, como Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Xosé María Díaz Castro, Xosé Díaz Jácome ou Ramón Cabanillas, entre otros, colaborador de diferentes xornais como Faro de Vigo ou La Opinión da Coruña.

Ao longo da súa traxectoria foi recoñecido con diversos galardóns e premios entre os que destaca o recente Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, polo artigo “O contemplador de estrelas. Álvaro Cunqueiro, gastrónomo”, publicado no suplemento “Faro da Cultura” do Faro de Vigo en nadal de 2025, no que combina rigor crítico e calidade literaria.

ÚLTIMAS

CSIF alerta da situación da presa de Vilasouto, no Incio

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), vén de denunciar a "alarmante situación...

2,5M€ para mellorar as estradas da provincia

En Sober adxudicouse á empresa Fevisa Vías y Obras SL a mellora de sete...

Celebración do ‘Xoves de Comadres’ en Monforte

Nun día de tregua no que a choiva se refire, as rúas do centro...

Micro Aberto á cultura este 14 de febreiro na cafetería Mon de Monforte

A iniciativa nace dun grupo heteroxéneo de persoas residentes no rural da zona, no...