Salvador leva desde neno practicando esta modalidade deportiva, unha afección que herdou do seu avó e do seu pai. Desde ben pequeno compite tanto nas probas para adultos, como nas xuvenís. Xa ten comprometida a súa participación nun campamento para mozos en Almería.
Na actualidade conta con máis de 130 pombas na súa vivenda de Mazaira, no Concello de Bóveda, que viven “moi ben coidadas”. Nas competicións ten que levar as súas propias pezas, un pombo cunha cinta branca na cola e cen pombas máis coas que viaxa nun transporte a medida.
As competicións constan de varias probas e gaña o pombo que máis tempo estea voando coas pombas. A súa familia impulsou ‘Deseo Rubián, Sociedad Colombicultura’, unha sociedade deportiva coa que reivindicar este deporte. Cada unha das competicións dura arredor de dúas horas nas que os participantes poden chegar a facer ata 30 km acompañando ás súas pezas.
O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, recibiu a Salvador na Casa do Concello, onde lle fixo un agasallo personalizado e desexoulle moita sorte nas súas vindeiras competicións.

Salvador Pallares co alcalde, José Manuel Arias / Concello de Bóveda

