Casimiro Mondelo, coñecido tamén como ‘o muiñeiro’, é unha desas persoas que ten o ceo gañado por moitos motivos. Algúns deles, a súa entrega ao traballo, a simpatía e a xenerosidade. El mesmo di que “podo gustarlle máis ou menos á xente, pero non teño inimigos”. Quen o coñece da fe das súas palabras, e a súa humanidade e hospitalidade non só quedan nos testemuños da veciñanza senon tamén das moreas de peregrinas e peregrinos que fan o Camiño de Inverno a Santiago. Este itinerario pasa a carón da súa casa e a súa humanidade e xenerosidade con eles transcende fronteiras. Moitas son as boas referencias que deixan os camiñantes en foros e redes sociais referíndose á súa hospitalidade abríndolles a porta da súa casa e ao punto de avituallamento que ten no camiño con froita da súa horta para que repoñan forzas.
Este martes, 7 de abril, a FEGAC (Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago), tíñalle programado un acto de recoñecemento polo seu 100 aniversario e pola súa dedicación e atención aos peregrinos e peregrinas do Camiño de Inverno, itinerario que cumpre dez anos. Foi na praza –diante do Centro Social– ás 12:30 h. e comezou falando o presidente, Javier Gómez, quen explicou o motivo da homenaxe e referiuse a Casimiro como “hospitaleiro exemplar” antes de entregarlle un ‘Diploma de recoñecemento’ polo seu“admirable e excepcional labor social e humano dedicando o seu esforzo e compromiso a facilitar a experiencia do Camiño de Inverno a centos de peregrinos…“.

Ao acto de homenaxe, no que estiveron tamén bastantes veciñas e veciños, uníronse a Asociación Vía Franciscana de Chipiona, localidade de Cadiz, que tiveron o detalle de facer unha chea de quilómetros para asistir a este recoñecemento. Unha das persoas que formaba parte de grupo entregoulle unha placa e destacou de Casimiro ser “un referente no Camiño de Inverno pola súa hospitalidade e afabilidade co peregrino”. E tamén a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, entidade que tivo como voceira á presidenta, Asunción Arias, quen falou en representación de todas as asociacións do Camiño de Inverno. No seu discurso referiuse á bondade de Casimiro como “veciño 100% hospitalario cos peregrinos” e salientou “por enriba de todo a súa humanidade”.


RECOÑECEMENTO DO DIRECTOR DO PLAN XACOBEO E DO CONCELLO DE QUIROGA
Rematando cos recoñecementos estivo o Director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, quen falou sobre a súa capacidade para recibir aos peregrinos e da súa importancia para o camiño, e ao rematar fíxolle entrega doutro diploma e a figura dun peregrino de cerámica. E tamén compareceu o equipo de Goberno do Concello de Quiroga. En representación do mesmo falou o Alcalde,José Luis Rivera, quen fixo entrega dunha placa conmemorativa ao novo centenario do concello e sinalou que“este recoñecemento era no nome de todas as quiroguesas e todos os quirogueses”.


Como broche, falou o homenaxeado. No seu pequeno discurso Casimiro dixo estar moi feliz e agradeceu o trato que sempre lle dedicaron os peregrinos que pasaron por diante da súa casa. “Portáronse todos de marabilla”, dixo.
A continuación, a familia ofreceu un pequeno aperitivo no Centro Social de Montefurado, escenario que días antes, concretamente o domingo 5 de abril, fóra xa lugar de reunión para celebrar o seu aniversario. O encontro dese día foi tamén compartindo un aperitivo coa veciñanza e tras unha Misa de Domingo de Pascua ás 12:30 h.


DIPLOMAS E RECOÑECEMENTOS



