HomesociedadeCenteais, na parroquia de Montefurado, ‘revive’ coa celebración da súa festa

Centeais, na parroquia de Montefurado, ‘revive’ coa celebración da súa festa

Recuperárona o pasado ano e repiten este, os días 30 e 31 de maio, coa axuda da Asociación de Aldeáns. Esta entidade dinamiza tamén a aldea facendo outros traballos para mantela en bo estado. Falamos con Marta, unha rapaza da directiva.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Moitas aldeas do sur de Lugo, por desgraza, están en perigo de extinción por mor do despoboamento que sofren. Aínda así, hai moitas que se resisten a ese destino e loitan por sobrevivir grazas a movementos veciñais e asociacións como é o caso da Asociación de Aldeáns de Centeais, da parroquia de Montefurado no Concello de Quiroga.

Falamos con Marta Marcos Rodríguez, a secretaria da entidade.

Que te une a Centeais e como é a túa relación con esta aldea?

Miña nai naceu alí e, ata que marchei  estudar a Santiago, pasei alí practicamente todos os domingos. Alí estaban os avós, e sempre había tarefas… que si patacas, que si viñas…

Hoxe en día, non vou tanto coma quixera, pero polo menos cada 2 ou 3 semanas estou por alá. De feito, hai pouco máis dun ano merquei unha casiña para restaurar, polo que subirei máis a miúdo.

Cantos veciños hai na actualidade?

Ao longo de todo o ano son 10 veciños, pero nas fins de semana sempre soben familiares e despois hai xente que vai nas vacacións ou por tempadas. 

Como xurdiu a idea de crear a asociación e cantos socios e socias formades parte dela?

Xa levaba tempo a idea rondando polas nosas cabezas, pero realmente puxémonos a elo o ano pasado a raíz da celebración das festas. A principios deste ano xa puidemos conformala debidamente e somos un total de 58 socios e socias. A maioría con raíces no pobo, pero tamén moita xente de fóra con moito apego.

Que fins ou obxectivos tedes e como axudades a combater o despoboamento e a posible desaparición de Centeais?

O fin da asociación é basicamente manter a unión que temos ata agora e reforzala, ó tempo que conseguir axudas para conservar en bo estado de Centeais en xeral. Da Cantina, que era a antiga escola, onde nos reunimos a miúdo para xuntanzas e celebracións, recuperar e manter en bo estado a fonte… en fin, conseguir todo o posible por e para o benestar do pobo.

Desbrozando camiños. Foto: Asoc. de Aldeáns de Centeais.

Credes que hai solucións para que non se perda o rural e desaparezan as aldeas?

As aldeas son hoxe en día, polo menos para min, basicamente un lugar de desconexión do día a día estresante de núcleos máis grandes, e en consecuencia unha conexión coa natureza e cun mesmo. Por iso, canto máis se manteñan en bo estado, máis fácil será que non terminen desaparecendo. De feito, tal e como está a sociedade hoxe en día, penso que a xente se inclinará máis por ir ás aldeas e poboacións pequenas. 

“canto máis se manteñan en bo estado, máis fácil será que non terminen desaparecendo”

As axudas das distintas administracións son fundamentais para conseguir o mantemento e a conservación dos pobos, pero a veces non é doado acceder ás mesmas, sobre todo a nivel burocrático. 

O pasado ano recuperastes as Festas Patronais. Canto tempo había que non se organizaban?

Pois non sabería dicir exactamente o tempo que facía, pero aproximadamente uns dez anos.

Cóntanos como foi a organización e como valorou a veciñanza a iniciativa.

Dende hai uns 7 anos, os que eramos os nenos do pobo hai 30 anos, facemos unha xuntanza na primeira semana do mes de agosto na que facemos cea, chocolatada, queimada e xogamos un Escondite como cando eramos pequenos. Neses días Centeais está cheo de xente que vén pasar as vacacións e dá gusto velo así. Entón, no “Escondite 2024”, deunos o arrebato de montar de novo a Festa de Maio, para ver o pobo cheo de xente e de festa. Os veciños, e as súas respectivas familias, pois todos encantados coa idea. Así foi, que se desfrutamos moitísimo e xa non se valorou deixar de facela.

“no ‘Escondite 2024’, deunos o arrebato de montar de novo a Festa de Maio”

Dado o éxito, este ano volvedes ter festa. Cando será e que programa tedes para esta ocasión?

Sempre se fixeron as festas a última fin de semana de  maio. A nosa capela está custodiada pola Inmaculada Concepción, pero como o día propio vai moito frío, decidiuse cambiar hai moitos anos xa para maio. Este ano cadra a 30 e 31 de maio. 

Para o 30 empezamos xa cunha Pancetada popular, onde haberá tamén empanadas e pan feitos no forno de Centeais, e tamén contamos coas tortillas do II concurso “no hay huevos”, ademais de postres caseiros de todo tipo. Todo isto a cargo da comisión de festas e máis os veciños e invitamos a todos os que queiran acercarse. Mentres preparamos e picoteamos ,teremos a actuación do dúo Arco Iris. A continuación contamos co grupo Los Dinosaurios, cos que imos desfrutar de clásicos do rock, e entremedias faremos un sorteo con premios moi interesantes.

Tortillas participantes no ‘I no hay güevos’ nas Festas de Centeais. Foto: Marta.

Unha vez remate o concerto, o ritmo non para porque teremos por segundo ano consecutivo a DJ Vizcaíno para seguir ata que o corpo aguante!

O día 31, teremos o pasarrúas co grupo O Recanto ás 12 para espertar ós que se lle pegaron as sabas. Logo misa e procesión, ás 13.30 h. E para rematar, unha sesión vermú co mesmo grupo, que xa veu o ano pasado.

Procesión Festas de Centeais. Foto: Marta.

Que previsión tedes de xente?

Este ano contamos que veña máis xente. Dende logo, os que viñeron o ano pasado da contorna, da Rúa, de Monforte, da Proba do Brollón, Quiroga,… todos van repetir (risas). E, sinceramente, só con que veñan os mesmos eu xa me conformo porque non vos facedes unha idea do feliz que fun eses dous días vendo así o pobo. Pero bueno, cantos máis, mellor… Máis festiña.

“os que viñeron o ano pasado da contorna, da Rúa, de Monforte, da Proba do Brollón, Quiroga,… todos van repetir”

ÚLTIMAS

Hospitalizada unha menor tras caer nunha piscina de Monforte

Unha menor foi levada ao hospital este domingo tras ser sacada da auga nunha...

De Vacas, Beret, Ráfaga, Miss Cafeína e Marlon actuarán nas Patronais de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente alcalde, Gloria Prada, e...

Courel Vivo denuncia ante o Valedor do Pobo a precaria situación médica do concello

Lembran que os días que non hai médico en Seoane, o centro médico máis...

Por Chantada esixe actuación municipal fronte aos proxectos de baterías Belesar I e II

Por Chantada – Interior Galego Vivo defenderá no Pleno ordinario do próximo 28 de...