Despois de coñecerse a decisión do ICOMOS de recomendar “non inscribir a Paisaxe da Auga da Ribeira Sacra na Lista” de Patrimonio Mundial, a Fears lembra que coincide coa súa diagnose de “que se trataba dunha candidatura cociñada de costas aos moradores do territorio e por espúreos intereses caciquís”.
“A negativa do punto de vista técnico da candidatura confirma o que denunciamos sempre, que a Xunta estaba concentrando os esforzos na diplomacia e na propaganda, non estando sequera asegurado que se obteña a distinción, malia ser a única candidatura do Estado español”, aseguran.
O informe técnico negativo non é vinculante, mais é indicativo de cuestións importantes. O punto que con maior peso sustenta o informe negativo é pretender incluír os encoros como evolución natural do territorio, “Como obviar que foron intervencións a gran escala dirixidas da política industrial do Franquismo, que racharon elementos económicos tradicionais como a pesca, a viticultura das mellores terras a carón do río ou as barcas de paso”.
O informe remarca tamén outra das alertas que a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra xa ten enviado á UNESCO, “a falta de relevo xeracional que pon en risco a propia existencia da viticultura en ribeiras amuradas, principal elemento distintivo do territorio”. Aseguran desde a Federación de asociacións da Ribeira Sacra que o informe tamén coincide co seu criterio en canto a falta de protección ambiental axeitada, o alto risco de incendios sen xestión das faixas secundarias e da flora invasora – patente o verán pasado – ou a perda de biodiversidade. “Por non falarmos do abandono e descontextualización da maior parte do patrimonio. Para a Xunta e os seus concellos caciquís a inventio Ribeira Sacra consistía nunha serie de miradoiros aos que ir en coche para facerse un selfie”, aseguran.

Vivenda en ruinas na Ribeira Sacra / FEARS
A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra lamenta que o proceso de candidatura non fora aproveitado para afondar no coñecemento sobre a cultura ribeirá e fomentar alternativas laborais potenciando os sectores económicos tradicionais, como xeito de manter unha paisaxe e territorio singular. “Tampouco foi serio nin real o proceso de participación cidadá, comezou tarde e foi incompleto, só para cubrir expediente, polo que a candidatura non ten respaldo social”, engaden desde Fears.
Conclúen afirmando, “A diplomacia e as relacións ao alto nivel non poden ocultar o fracaso ténico e de xestión de todas as administracións implicadas. Nin se elaborou unha candidatura con rigor científico, nin se tivo en conta a opinión da poboación nin mudaron elementos estruturais que lastran o futuro do territorio. Unha estafa aos “indíxenas” e un fracaso político que debería aclarar moito sobre como e para quen se dilapidan os recursos públicos”.

