Os días 23 e 24 de xuño o barrio monfortinodos Chaos volverá celebrar a súa tradicional Festa de San Xoán, unha cita que recuperou o Colectivo Vermut no ano 2024. Daquela, esta asociación tivo a iniciativa de organizar un programa e impulsar a celebración tras anos sen facelo pola falta de relevo xeracional.
O impulso dun grupo de veciños e veciñas comprometidos coa recuperación desta tradición, e a colaboración do Colectivo Vermut –que participa na organización das actividades–, fará posible que o San Xoán volva “por todo o alto” este 2026 aos Chaos cun programa moi completo que combinará música, gastronomía, actividades infantís e propostas de convivencia pensadas para toda a veciñanza. Dende a organización agradecen o apoio económico de administracións públicas como a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Concello de Monforte e a Xunta de Galicia, así como tamén de proxectos locais como e.Ribeira.
Dende a organización destacan que “esta recuperación vai moito máis alá dunha simple celebración festiva. Trátase de devolverlle ao barrio un espazo de encontro interxeracional, convivencia e participación veciñal, mantendo vivo un elemento do patrimonio cultural e social de Monforte de Lemos”.
PROGRAMACIÓN
O martes 23 de xuño a partir das 20:00 h. contará coa animación da Charanga Bergium e un obradoiro infantil. Ás 21:30 h. haberá unha gran sardiñada popular que contará con sesión musical a cargo de Albanta DJ, Ás 23:00 h. terá lugar a tradicional misa e reparto de roscas e ás 23:30 h. o grupo Polanko ofrecerá un concerto.
Xa o mércores 24, día de San Xoán, a xornada comezará coa presenza de gaiteiros facendo unha alborada e actividades para a cativada a cargo de e.Ribeira. Haberá sesión vermut con Albanta DJ ás 12:00 h e unha actuación musical do grupo Segunda Parte ás 13:00 h.
O xantar popular será ás 14:30 h. coincidindo o comezo do mesmo cunha “actividade sorpresa” organizada polo Colectivo Vermut. Xa pola tarde, ás 17:00 h. sesión musical a cargo de Nacho Morales DJ e concerto do grupo monfortino CoolFlanders ás 19:00 h para pechar dúas intensas xornadas festivas.


