HomeEn profundidade“Temos que conservar a parte humana en tempos de IA”, Víctor Mouriño,...

“Temos que conservar a parte humana en tempos de IA”, Víctor Mouriño, médico internista

Coñecemos ao Doutor Mouriño, internista do Hospital Comarcal de Monforte, do cal a xente da contorna fala marabillas. Será que no exercicio da súa profesión transmite unha naturalidade e un humanismo que semella se vaian perdendo?

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Víctor López Mouriño é natural de Lalín pero está afincado en Monforte desde hai bastantes anos. Cóntanos que hai 20 chegou ao Hospital Comarcal para facer unha substitución e foi quedando ata coller praza. É médico internista e impulsor do servizo HADO (Hospitalización a Domicilio) neste centro hospitalario.

Contactamos con el desde Xornal de Lemos porque coñecemos da súa boa sona como profesional e tamén pola popularidade que foi collendo o seu espazo radiofónico semanal “Señor Doctor” en Eco FM Ribeira Sacra de Sober.

Como xurdiu “Sr. Doctor” e canto tempo leva facendo este espazo radiofónico?

Coñecín a Pablo Bernedo, director da emisora, por un ingreso hospitalario dunha familiar e convidoume a cubrir o partido Lemos-Lalín. Gustoume o tema e a partir de aí foi cando me propuxo facer unha sección semanal de medicina na radio. Así empecei, e levamos xa dúas tempadas.

Unha sección con moito éxito…

A verdade é que os programas teñen moito seguimento, tanto as audiencias do directo como cando se colgan os podcast.

“A verdade é que os programas teñen moito seguimento”

Como escolledes os temas a tratar?

Escollémolos nós ou tamén os propios doentes. Adoitamos tratar temas de actualidade e temas que nos pide a propia audiencia. E tamén hai preguntas ao remate do programa.

E ata vos atrevedes con público. Cóntenos.

Unha vez ao ano facemos un programa en directo con público na sede da Fundación Abanca en Monforte. Ese ano por exemplo, o tema que escollemos foi o dos cribados médicos do cancro.

Véselle moi cómodo…

Si, estou moi cómodo. Ademais, abordo os temas dende un nivel moi coloquial e temas que domino…

Aínda que o pensemos, un médico non sabe de todo, verdade?

Cando hai algún tema que non controlo, investigo. Co hantavirus, por exemplo, tiven que revisalo e igual me pasa con outros moi específicos. Cando falei del enfoqueino explicando que é diferente ao Covid para non causar tanta preocupación na xente.

Dr Víctor López Mouriño. Foto cedida por el.

Colabora noutros medios como divulgador?

Teño escrito algúns artigos para revistas científicas. E noutros medios de comunicación téñenme entrevistado e tal, pero non colaboro noutros medios.

Nota que é máis popular pola sección?

Aquí en Monforte creo que a xente coñéceme máis polos 20 anos que levo traballando no pobo. En calquera caso, noto que a xente me escoita porque mo di e incluso comentan cousas como “o outro día que rollo” ou “o desta semana estivo moi ben”…

“Eu sempre digo, hai que tratar á xente como se fose o teu pai”

Explicar as cousas claras, nun rexistro non culto, cre que axuda a comunicar temas médicos e fai que cheguen mellor á xente?

Eu sempre fun de falar claro. Os médicos estamos nun nivel bo de conceptos teóricos e prácticos. Hai médicos que caen mal, e hainos que caen ben… Gañas aos doentes cando lles explicas as cousas dende a cercanía e con explicacións sinxelas. Eu sempre digo, hai que tratar á xente como se fose o teu pai.

Fálase pouco nas consultas?

Hai sobrecarga de traballo. Non dá nin tempo a preguntar. Mírase máis ao ordenador que ao paciente. Eu montei o HADO (Hospitalización a Domicilio) en Monforte e con este programa volvíase ao trato directo e próximo co paciente. Es xa máis amigo que médico, empatizas co doente, falas…

Hai que quitarlle ferro á medicina e non terlle tanto medo como pacientes?

A xente colle moito medo cando vai ao hospital. Por iso, creo que hai que tranquilizala. Ver a alguén que fala “de tú a tú” alivia, a xente vén a ti xa con outra predisposición, sen tensión e sen medo.

Hai que vir ao Hospital con naturalidade e facer medicina preventiva. Ver o feito de ir ao Hospital como sinónimo de que estás facendo un seguimento, como quen vai ao taller co coche.

“Ver a alguén que fala ‘de tú a tú’ alivia, a xente vén a ti xa con outra predisposición, sen tensión e sen medo”

Que importante tranquilizar…

Eu doulle tranquilidade aos meus pacientes. Doulle ata o teléfono da secretaria e dígolles que cando fagan algunha proba, se tardamos en contactar que chamen. Tranquilizar vale de moito e a incerteza é moi mala. Temos que conservar a parte humana en tempos de IA.

ÚLTIMAS

Este sábado, 7 de novembro, ás 12.00h abre a cafetería do complexo deportivo da Pinguela

A cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela abrirá as súas portas este sábado, 7...

Chantada vístese para o 25N, “Ante a violencia de xénero: non negues, non normalices, non xustifiques”

A concellaría de Igualdade do Concello de Chantada a través do CIM, Centro de...

Taboada acolle este 6 de novembro un túnel do viño co patrimonio vitivinícola da provincia

Taboada acollerá este venres -6 de novembro- unha xornada de divulgación da viticultura da...

Concerto de Violoncelo e clave no Centro Sociocultural de Sober

O Concello de Sober e as Xuventudes Musicais da localidade retoman este domingo o...