O pasado venres 3 de xullo comezaba no Paseo do Malecón o VIII Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, encontro cos caldos deste territorio amparado que se prolongou ata a noite do domingo día 5. Estiveron presentes 27 adegas da Denominación de Orixe e 12 postos gastronómicos, contando o evento cun completo programa de actividades paralelas. Así, o público asistente puido gozar de actuacións musicais, catas temáticas, viñorutas, unha masterclass e un espazo infantil con xogos e obradoiros para os máis pequenos.
O alcalde celebraba a “excelente acollida” desta nova edición do Festival do Viño nun Paseo do Malecón que se encheu de xente, sobretodo na noite do venres e do sábado malia as altísimas temperaturas que se deron estes días por mor da vaga de calor. A ubicación do recinto expositivo á beira do Cabe, mantendo ademais a estética e a organización dos espazos dende a primeira edición, están moi ben valorados polo público co cal é sinónimo de éxito.

AUMENTO DA VENDA DE BOTELLAS
Un dos datos máis destacados desta edición foi, segundo trasladan dende o Concello, o incremento das vendas de botellas directamente nos stands das bodegas, aspecto que os propios adegueiros trasladaron ao Alcalde na clausura do evento. “Este crecemento do Festival do Viño en todos os sentidos demostra que o obxectivo principal co que naceu esta iniciativa está cumprido: promocionar os viños da D.O. Ribeira Sacra e converter as degustacións en ventas directas, xerando un impacto económico real para as bodegas participantes”, apuntaba o rexedor, José Tomé.
ÉXITO DE PARTICIPACIÓN NAS ACTIVIDADES PARALELAS
O programa de actividades complementarias tamén tivo unha excelente acollida por parte do público. As catas temáticas, a masterclass e as rutas do viño organizadas durante o Festival do Viño acadaron o 100% de ocupación, o que confirma o interese polos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e por descubrir o patrimonio vitivinícola do territorio.

VENDA DE PULSEIRAS SOLIDARIAS
Outro dos éxitos desta oitava edición do certame foi a venda de 1.082 pulseiras solidarias coa imaxe do evento. A iniciativa foi unha das novidades do Festival e tivo unha excelente acollida entre o público, poñendo de manifesto o compromiso solidario da veciñanza e das persoas visitantes. A recadación destinarase a unha entidade social de Monforte co fin de apoiar o importante labor que desenvolven estas asociacións.
ADEGAS PARTICIPANTES
A Man de Prado, Abadía da Cova, Aborixe, Adega Vella, Algueira, Alma das Donas, Alouviño, Asolagados, Caneiro, Casa Moreiras, Cividade, Condado de Sequeiras, Corzoás, Cruceiro, Don Bernardino, Guímaro, Gullufre, Lingua Loaira, Lucenza, Malcavada, Ohmio, Petrón, Peza do Rei, Regina Viarum, Saiñas, Tear e Val da Lenda.


