Monforte de Lemos pon o punto final ás súas Festas Patronais cunha valoración “espectacular” por parte do alcalde, José Tomé, que destaca a gran participación rexistrada ao longo de toda a programación e o extraordinario ambiente vivido na cidade durante estes días.
O Alcalde destaca especialmente a última xornada das festas, coas actuacións da Orquestra Panorama e América de Vigo, nun espectáculo que congregou a milleiros de persoas na Praza da Compañía. “A Praza da Compañía estaba ateigada de xente, non cabía un alfiler. O público ocupaba toda a explanada, as zonas de céspede e mesmo parte da rúa, nunha imaxe espectacular que demostra a enorme acollida que tivo a Panorama”, sinala José Tomé.
Tamén os Fogos Artificiais, tanto na sesión desde San Vicente como desde o río Cabe, foron seguidos por milleiros de persoas. “Os fogos volveron ser un auténtico espectáculo, a xente buscou diferentes puntos para velos, enchendo as rúas e prazas, para despois continuar desfrutando da festa tanto no recinto das barracas como nos concertos da Explanada. A imaxe da marea de xente dirixíndose cara á Compañía ao remate dos fogos do río na noite do domingo foi impresionante e resume perfectamente o ambiente que se viviu durante estas festas”, engade o alcalde.

Concerto Panorama 16 de agosto / Concello de Monforte
José Tomé fai extensiva a súa valoración ao conxunto da programación, destacando que todas as actividades contaron cunha importante resposta do público, desde os espectáculos de rúa e as propostas culturais e musicais ata os concertos, actuacións e demais actividades programadas para todos os públicos. “Creo que podemos falar dun auténtico éxito. Foron unhas Festas Patronais cunha participación moi alta en todas as actividades, cunha cidade chea de vida e cun ambiente extraordinario. “Todo isto, apunta o rexedor, “foi moi positivo tamén para a hostalería e o comercio da cidade; en definitiva, foi positivo para a economía de Monforte”.
Un novo punto de encontro no Parque dos condes
O alcalde destaca especialmente o ambiente no Parque dos Condes, na contorna da nova fonte e do novo espazo creado coa nova rúa. “Desde a inauguración o pasado 31 de xullo, a nova fonte está a ter unha acollida espectacular creando un ambiente moi especial no Parque dos Condes, que foi un dos espazos máis concorridos e fotografados durante estas festas”.
Asemade, conclúe o rexedor, “quero agradecerlle á mocidade que gouzou da Fonte de xeito responsable, reunidos en grupos arredor de cada banco, facendo fotos dende o borde da propia fonte e facendo unha gran difusión positiva deste novo elemento de atracción para Monforte”.


