HomePolíticaManifestación na Pobra do Brollón reclamando melloras na asistencia sanitaria

Manifestación na Pobra do Brollón reclamando melloras na asistencia sanitaria

Este martes, 25 de agosto celebrouse desde as 12:00 a manifestación convocada pola veciñanza para denunciar a situación sanitaria que atravesa o municipio e esixirlle á Xunta de Galicia unha solución inmediata ante a falta de médicos de familia e de atención pediátrica no centro de saúde.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Na mobilización participaron, entre outros representantes socialistas, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; o portavoz do PSdeG na Pobra do Brollón, Adolfo Rubio; e o alcalde de Ribas do Sil, Roberto Castro, que percorreron as rúas do municipio xunto á veciñanza en defensa dunha sanidade pública, digna e estable. Anunciaron que levarán ao Parlamento a reclamación da veciñanza para que a Xunta dea cobertura inmediata ás dúas prazas médicas do Centro de Saúde, recupere a atención pediátrica e garanta asistencia estable.

“Este é o resultado da política sanitaria do PP, que leva anos debilitando a atención primaria e que castiga especialmente á veciñanza do rural”, alertou Lara Méndez. “Non se pode seguir respondendo con parches cando falta un profesional. A veciñanza necesita saber cando se van cubrir as prazas e ter a garantía de que o seu centro de saúde contará cos medios que lle corresponden”, engadiu.

Segundo explicou o portavoz do PSdeG no Concello, o centro de saúde da Pobra do Brollón atópase actualmente sen médicos de familia, malia ter asignadas dúas prazas. Unha delas quedou sen cobertura tras a marcha da facultativa que substituíra á profesional xubilada, mentres que a outra corresponde a unha médica que se encontra de baixa. Á falta de médicos súmase ademais a ausencia de atención pediátrica no municipio e a unha atención de enfermaría limitada ao horario de mañá, situación que está provocando demoras nas citas de ata quince días e obrigando a numerosos pacientes a desprazarse ao PAC ou ao Hospital de Monforte para recibir asistencia.

O portavoz socialista alertou das graves consecuencias desta situación nun municipio rural e cunha poboación envellecida. “Hai persoas maiores que viven soas, que non teñen vehículo e que dependen doutra persoa ou dun taxi para poder desprazarse a Monforte. Ter médico no centro de saúde non é ningún privilexio, é un servizo público básico que o Goberno do PP ten a responsabilidade de garantir”, afirmou Rubio.

Manifestación veciñal sanidade na Pobra do Brollón / PSdeG

O Sergas asegura que a atención sanitaria está garantida

O Sergas emitiu un comunicado no que insiste en que a cobertura médica diaria está “garantida” no centro médico todos os días laborables, con facultativo substituto. Explican que as citas médicas se están a programar con normalidade e cunha demora duns tres días.

Especifican que o centro conta con dúas prazas de persoal médico. Unha delas está actualmente vacante e “segue a ofertarse” co obxectivo de lograr unha cobertura estable, mentres que a ausencia temporal do facultativo que ocupa a outra praza “está a ser substituída todos os días”.

ÚLTIMAS

A Deputación cederá a Casona do Incio e unha parcela na Maiorga, en Pantón, aos respectivos concellos

Ambas decisións responden ás peticións que os respectivos alcaldes lle fixeron á presidenta da...

O BNG de Monforte entrega as primeiras alegacións recollidas contra o proxecto da nova ponte do Malecón

O BNG de Monforte vén de presentar no concello unha primeira remesa das alegacións...

O enólogo Roberto Regal contribúe ao nacemento da primeira adega comunitaria de carácter público de Asturias

Roberto Regal e o seu equipo, liderado pola enxeñeira Carmen Fernández Ledo, traspasaron fronteiras...

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos...