HomesociedadeA piscina climatizada de Monforte incrementa nun 86% o número de abonados...

A piscina climatizada de Monforte incrementa nun 86% o número de abonados desde a súa reapertura trala reforma

Tal e como recollen os rexistros da Oficina de Deportes, o mes de setembro de 2026 pechou con 1.177 socios, fronte aos 632 rexistrados en novembro de 2025, o primeiro mes completo de funcionamento da piscina, o que representa un incremento de 545 persoas e un crecemento do 86,2 %.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, amosa a súa satisfacción pola evolución experimentada no número de abonados á Piscina Climatizada Municipal, cando está a piques de cumprirse o primeiro ano de funcionamento desde a súa reapertura, o 27 de outubro de 2025, trala reforma integral acometida no edificio.

Ademais do incremento no número de abonados, na actualidade están inscritos nas actividades 469 cursillistas, o que eleva o número de usuarios das instalacións da piscina a un total de 1.646.

“Estes datos avalan a aposta realizada polo Equipo de Goberno para acometer a reforma integral do Complexo Deportivo da Pinguela e ofrecer á cidadanía un equipamento deportivo moderno, funcional e de excelente calidade, tal que e como se vén comprobando desde que inauguramos a reforma do Pavillón Polideportivo, en outubro de 2023”, afirma o rexedor monfortino.

A evolución mensual dos abonados reflicte unha progresión ascendente continuada, tal e como indican os datos:

  • Novembro de 2025         632
  • Decembro de 2025         690
  • Xaneiro de 2026             707
  • Febreiro de 2026            761
  • Marzo de 2026               892
  • Abril de 2026                 992
  • Maio de 2026                 1.008
  • Xuño de 2026                1.016
  • Xullo de 2026                1.066
  • Agosto de 2026             1.086
  • Setembro de 2026         1.177

Esta evolución supón que, entre novembro de 2025 e setembro de 2026, o número de abonados aumentou un 86,2 %, cunha progresión especialmente significativa nos últimos meses, que confirma a crecente utilización da instalación por parte da cidadanía, tanto da Piscina como do Ximnasio Municipal.

2,3M€ para modernizar as instalacións da piscina

A evolución positiva do número de socios coincide coa posta en funcionamento dunha instalación completamente renovada tras unha reforma integral na que o Concello investiu 2,3 millóns de euros. A intervención supuxo a primeira actuación de gran calado neste equipamento deportivo, que databa de 1994, e permitiu transformar o edificio e mellorar a funcionalidade do conxunto do complexo deportivo da Pinguela.

O resultado é unha piscina moderna, segura, eficiente e sostible, con espazos reordenados para facilitar os desprazamentos e mellorar a comodidade das persoas usuarias. A reforma incluíu a creación dunha recepción común coa que se conecta a piscina co pavillón polideportivo, a renovación completa dos vestiarios e a mellora das circulacións interiores, separando os percorridos de pés secos e pés húmidos para favorecer unhas condicións hixiénicas máis adecuadas.

A actuación permitiu tamén ampliar a superficie destinada ao ximnasio, que pasou de 235 a 300 metros cadrados, incrementar o espazo das bancadas e crear unha nova cafetería, concibida para dar servizo tanto á piscina como ao pavillón polideportivo. Precisamente vense de adxudicar a xestión da cafetería que vai prestar servizo tanto aos usuarios da piscina e do ximnasio como do pavillón polideportivo, e a poboación en xeral, sen necesidade de estar abonado, xa que o acceso é independente.

ÚLTIMAS

CSIF denuncia que Correos mantén sen cubrir preto do 60% do persoal de repartición de Monforte

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) denuncia a grave falta de persoal...

A D.O. Ribeira Sacra presentará viños e nova imaxe en Bilbao, Países Baixos e Lugo

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participará en tres accións promocionais...

Un cento de persoas reflexionan en Monforte sobre o avance dos discursos de odio e as súas consecuencias na sociedade

A actividade contou coa participación de Adrián Gómez Martínez, mestre de Educación Primaria e...

Chantada pon en valor as súas máis de 35 hectáreas de zonas verdes nunha nova edición de Vilas en Flor

O xurado do certame vén de visitar Chantada para coñecer os avances levados a...