Con motivo da celebración do Día das Bibliotecas, a Biblioteca Pública Municipal do Saviñao organiza para o venres 23 de outubro unha ampla e variada programación destinada a achegar a lectura, a creatividade e o lecer a toda a veciñanza. Pola mañá haberá actividades cos centros escolares, e desde as 14:00 haberá microvisitas guiadas pola Ribeira Sacra sen saír da biblioteca. A partir das 16:00 horas comezará o groso das actividades que se estenderán ata a medianoite, “ofrecendo un espazo de encontro para nenos, nenas, familias e público adulto”, comenta Mónica Carballo, a bibliotecaria.
PROGRAMA
As actividades comezan ás 16:00 h cun obradoiro de decoracións de Samaín. Ás 17:00 h comezará a actividade ‘Operación Negra Sombra‘, a cargo do escritor Antonio Manuel Fraga. Ás 18:00 h terá lugar unha ‘Merenda con Xogo‘, seguida ás 19:00 h coa proposta de Estefanía Padullés ‘A superheroína do noso cómic‘.
A partir das 20:30 h, a dinamización continuará con Xogos musicais, dando paso ás 21:00 h á actividade ambiental e creativa ‘Menos mercar, máis crear‘, impartida por Biophilia. Para esta actividade pódese traer unha camiseta branca para estampala. Na recta final da xornada, ás 22:30 h, os asistentes gozarán dunha Cea con Música e ás 23:00 h chega a ‘Ciclobiblioteca na biblioteca‘ da man de Carballo con Botas (Anxo Moure). Ó redor da medianoite pecharase a xornada cunha actividade de despedida.

Ao longo de toda a tarde e noite haberá tamén diversos obradoiros e xogos entre unha actividade e a seguinte.
ACTIVIDADES PARA TODAS E TODOS E CON INSCRICIÓN PREVIA
Agás as sesións de Antonio M. Fraga e Estefanía Padullés (que contan cun enfoque específico), o resto da programación está dirixida a público infantil, adulto e familiar, promovendo a convivencia interxeracional ao redor da cultura.
Desde a organización lémbrase que a inscrición previa é obrigatoria –na propia biblioteca ou a través do teléfono, mail ou redes sociais– para garantir o material de traballo a todas as persoas participantes e para xestionar axeitadamente a loxística das merendas e ceas ofrecidas (ás 18:00 h e ás 22:30 h). Ao formalizar a inscrición, cómpre indicar se algunha persoa participante presenta alerxias ou intolerancias alimentarias.
Esta iniciativa conta co apoio do programa de dinamización lectora Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.

