A función enmárcase na programación cultural impulsada polo Concello de Monforte a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios de AGADIC, da que forma parte o Concello, e dos Circuítos de Teatro Profesional e Afeccionado da Deputación de Lugo, coa que se ofrece á cidadanía unha ampla variedade de propostas escénicas ao longo do último trimestre do ano.
A representación está dirixida ao público adulto. O prezo da entrada é de 5 euros, cunha tarifa reducida de 3 euros para estudantes, persoas desempregadas e xubiladas.
“Artur Ui, o ovo da serpe”, é unha obra escrita por Bertolt Brecht, adaptada por Quico Cadaval e Diego Rey, e dirixida por Quico Cadaval. O elenco artístico está formado por Toño Casais, Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez, Marta Ríos, Diego Rey, Xurxo Barcala e Artur Trillo. Esta peza é unha aposta por contar o momento actual a través da lente crítica e irónica do teatro épico.
Máis aló de ser unha homenaxe a un clásico do século XX, esta produción explora con profundidade crítica os mecanismos de poder, a natureza do autoritarismo e as súas manifestacións ao longo da historia, establecendo un paralelismo claro co momento actual no que o fascismo asoma novamente o fuciño fóra do ovo.
A proxima cita será o xoves, 29 de outubro, 20:15 h no Edificio Multiusos coa representación de “#Influencers”, de Negro López.

