A actividade, que se celebrará ás 20:30 horas no Centro Cívico de Monforte de Lemos, busca achegar á cidadanía unha perspectiva pouco coñecida da nosa historia, recuperando a memoria da diversidade afectiva e sexual na Galiza medieval.
O documental, unha produción de Nós TV, con guión e documentación de Carlos Callón, trata sobre o lesbianismo no reino medieval galego. A peza audiovisual convida a cuestionar a idea de que a diversidade sexual é unha realidade recente, poñendo o foco nun pasado que tradicionalmente foi contado desde unha perspectiva que deixou fóra moitas experiencias e identidades.
Desde as entidades organizadoras, Colectivo Veciñanza Fronte o Odio e o colectivo LGTBI+ Amor Forte, consideran fundamental recuperar a memoria histórica das persoas LGTBI+ e reivindicar que a diversidade tamén forma parte da identidade cultural e histórica do noso país.
CULTURA E MEMORIA FRONTE O ODIO
O Colectivo Veciñanza Fronte o Odio continúa así coa súa programación de actividades destinadas a promover o respecto, a convivencia e a defensa dos dereitos humanos. Tras a recente palestra sobre os discursos de odio celebrada en Monforte, o colectivo aposta nesta ocasión pola cultura e a divulgación histórica como ferramentas para combater os prexuízos e a intolerancia.
“Moitas veces preténdese presentar a diversidade afectiva e sexual como algo novo ou alleo á nosa sociedade, cando a realidade é que sempre existiu. O que aconteceu é que durante séculos foi silenciada e invisibilizada. Coñecer a nosa historia tamén é unha maneira de combater os discursos de odio”, sinalan desde a organización.
“Fronte a quen pretende utilizar o medo, os prexuízos e a intolerancia para dividir a sociedade, nós apostamos polo coñecemento, pola cultura e polo respecto á diversidade. Unha sociedade que coñece a súa historia é tamén unha sociedade mellor preparada para defender os dereitos e as liberdades de todas as persoas”, engaden.
O Colectivo Veciñanza Fronte o Odio e Amor Forte convidan, pois, á veciñanza de Monforte e da comarca de Lemos a participar nesta proxección, que terá lugar o venres 6 de novembro, ás 20:30 horas, no Centro Cívico de Monforte de Lemos.


