O teatro regresa este xoves, 12 de novembro, ás 20:15 horas, ao Edificio Multiusos de Monforte cun novo espectáculo. A función enmárcase na programación cultural deseñada polo Concello de Monforte a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios do AGADIC e dos Circuítos de Teatro Profesional e Afeccionado da Deputación de Lugo, coa que se ofrece á cidadanía unha ampla variedade de propostas escénicas ao longo do último trimestre deste ano.
O prezo da entrada para asistir este xoves á representación de “A metamorfose” é de 5 euros, cunha tarifa reducida de 3 euros para estudantes, persoas desempregadas e xubiladas.
A Metamorfose mostra a necesidade do ser humano de ser recoñecido, valorado e amado polo que é, non polo que produce ou achega. Que pasa cando deixamos de ser útiles para a sociedade? Ou para os demais? Temos dereito a cambiar, a transformarmos, en calquera momento da nosa vida?
Adaptación e dirección de Carlos Álvarez Ossorio. Baltasar Patiño encárgase da escenografía e do deseño da iluminación. O deseño do son corresponde a Renata Codda Fons e o vestiario é de Ruth Díaz Pereira. Música de Vadim Yuknevich, e coreografía de Nuria Sotelo. O elenco está formado por Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fernando González, Sabela Gago e Fina Calleja.
Gregor Samsa leva cinco anos ocupándose da mantenza da súa familia, dende que morreu o seu pai. Un día, Gregor esperta e sente que xa non pode máis. Incapaz de levantarse da cama, o mundo preséntaselle como un lugar inhóspito e agresivo. A familia intenta comunicarse con el, pero todos os seus intentos son inútiles.
As tres mulleres -avoa, nai e irmán- que viven endebedadas e que dependen de Gregor para sobrevivir, entran en pánico ante a visión de non poder recuperarse da quebra financiera causada polo pai desaparecido. Tentarán manter a orde e a normalidade con distintas estratexias, todas elas inútiles. A mirada da familia irá animalizando a Gregor, que se vai sentindo como un parasito. Para elas, el non é máis que un becho e el mesmo acabará aceptando a súa condición de monstro.
A seguinte cita co teatro será o sábado, 14 de novembro. A Casa da Cultura acollerá ás 20:00h, a representación de“Vermello”, de Rebuldeira Teatro-Sarria do circuíto de Teatro Afeccionado da Área Cultura da Deputación Lugo.

