O Son da Serra, Cando O Courel derramou bágoas de cinsa é o filme documental sobre a Serra do Courel e o incendio que padeceu no verán do 2022. Este incendio foi a presentación en Galicia dos incendios convectivos de sexta xeración. Durante dúas semanas arrasou case 13.000 hectáreas, principalmente nos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Quiroga, obrigando a desprazar a máis dun milleiro de persoas no que era o maior incendio da historia de Galicia ata que chegou agosto do 2025.
Despois da proxección do pasado sábado no concello de Taboada con gran éxito de público, este xoves proxéctase no concello de Samos e levarase despois a outros concellos da provincia como, A Pobra do Brollón o 27 de novembro, Vilalba o 3 de decembro e o 11 de decembro no concello de Quiroga.
As proxeccións dunha hora 10 minutos de duración estarán seguidas dun coloquio cos directores do documental e coa participación das persoas que portagonizan o filme, neste caso do axente ambiental, José Luis Rodríguez. Esta actividade con entrada libre e gratuita, conta coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Samos. A cita servirá para facer unha recollida de datos sobre as propostas e inquedanzas que ten a poboación do rural sobre o seu futuro e este tipo de incendios, moi vinculados coas circunstancias climatolóxicas e co progresivo abandono dos nosos montes e campos.
O Son da Serra son as voces das persoas que nos levan polo vivido naqueles días e dalgún modo, as de todas as persoas que padeceron este desastre natural e vital. Son unha homenaxe a cada veciña e veciño da serra, unha reconciliación e unha posta en valor do que este territorio significa.
Entre as voces das persoas que viviron o incendio do Courel do 2022 atopamos a veciñas e veciños, rexedores locais e unha representación do servizo de extinción de incendios da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que facilitou importantes imaxes deste incendio.
O documental é froito da colaboración do fotógrafo, Emilio Romanos Castiñeira e Némesis Audiovisual coa dirección de Ana Belén Fernández Fernández e Paulino Rodríguez Fierro Cadórniga e a BSO de Ale González.


