Conta atrás para a celebración do Quiroga Trail Challenge 2027, proba que conta xa con máis de 550 participantes segundo os datos de inscricións que comunican dende a organizción referindo tamén que as prazas de aloxamento da comarca están esgotadas. “O forte impacto económico e turístico desborda a capacidade hoteleira de Quiroga e San Clodio, estendendo a ocupación a comarcas veciñas”, comentan
A proba, que chega á súa 13ª edición, celebrarase os días 20 e 21 de febreiro de 2027 e consolidará a súa proxección con corredores de 35 provincias, 14 comunidades autónomas e Portugal. No que respecta á capacidade de mobilización de persoas que ten a proba, calcúlase que máis de 200 persoas entre voluntarios e acompañantes, sumadas aos máis de 1.000 corredores previstos, traian á Comarca de Quiroga e contorna unhas 2.000 persoas durante a fin de semana do evento.
Tralo peche da primeira fase de inscricións con data a 15 de novembro, a proba superou as expectativas máis optimistas ao rexistrar 550 inscritos, destacando un salientable 32% de participación feminina, un reflexo do crecemento sostido e transversal do trail running.
MOTOR ECONÓMICO PARA O XEOPARQUE MONTAÑAS DO COUREL
Alén da súa vertente puramente deportiva, o Quiroga Trail Challenge representa unha palanca socioeconómica fundamental para Quiroga e a súa contorna, cumprindo de pleno co seu obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel.
O tirón da proba foi tal que as prazas de aloxamento en Quiroga e San Clodio están totalmente esgotadas, obrigando a moitos dos participantes e visitantes a buscar hospedaxe en comarcas e concellos da contorna como Valdeorras, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
A IMPORTANCIA DOS VOLUNTARIOS
Dende a organización da proba, alcumada xa como “A festa do trail galego”, lembran que as voluntarias e voluntarios son “un dos piares fundamentais que garante o éxito e a seguridade da proba é o calor humano e a implicación do territorio”. Para esta edición xa se conta con 100 persoas e espérase alcanzar os 200 voluntarios chegado o mes de febreiro.

