O Consello Regulador da Ribeira Sacra encargouse de coordinar a estancia e a programación de visitas de Beth Willard, quen coñeceu 19 adegas e as súas elaboracións, así como tamén a diversidade dos viños deste territorio protexido.
O programa completouse cunha sesión de cata na sede do Consello Regulador, destinada ás adegas que quixeron presentar os seus viños e que non formaban parte do itinerario de visitas. Nesta sesión catáronse 10 viños das colleitas de 2024 e 2025, cunha selección composta por 2 rosados, 1 branco e 7 tintos.
A presenza da recoñecida xornalista e crítica de viños supuxo, segundo o Consello Regulador, “unha nova oportunidade para dar a coñecer a diversidade, a identidade e o potencial dos viños da Ribeira Sacra no ámbito internacional, así como para reforzar a súa presenza entre os profesionais e prescritores do sector vitivinícola”. Ademais, as visitas ás adegas e as sesións de cata destes días serviranlle a Beth Willard para elaborar o informe anual de Tim Atkin MW sobre os viños deste territorio amparado, contribuíndo á visibilidade da Ribeira Sacra entre a crítica especializada e os profesionais do sector vitivinícola.

