Marzo é o mes da muller e ao longo do mesmo véñense celebrando na vila diferentes actividades dirixidas á súa visibilización, a poñer en valor a súa aportación á historia da humanidade, de Galicia e de Sarria.
Este venres, día 22 de marzo, a Casa da Cultura acollerá ás 20:00 h unha máis, neste caso trátase dunha táboa redonda composta por catro xornalistas para debater sobre medios de comunicación e violencia machista. Moderará o encontro María Xesús López Escudeiro, coordinadora do Programa Vivas e Visibles,
As xornalistas que participarán no debate son Elisa Beni, Fernanda Tabarés, Ana Casanova e Laura López.
Elisa Beni, coñecida por ser colaboradora de opinión televisiva en La Sexta, nos programas “Más Vale Tarde” e “La Sexta Noche”, en Antena 3, no programa “Espejo Público” e tamén puntualmente nas canles autonómicas de Telemadrid, TV3 e ETB. No eido radiofónico colabora en Onda Cero, no programa “Julia en la Onda”, e tamén como columnista nos diarios dixitais eldiario.es e elnacional.cat.
Fernanda Tabarés, que foi directora de V Televisión e guiou con moito éxito o programa de actualidade política “Vía V”. No ano 2013 foi galardonada co Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora e na actualidade é directora da produtora Voz Audiovisual.
Ana Casanova, xornalista de El Progreso, xornal ao que se incorporou no ano 2000 formando parte das seccións informativas de suplementos, local e principalmente sucesos e tribunais. Desde 2006 exerce como delegada deste medio en Sarria e contorna comarcal.
Laura López traballa desde o 2006 en La Voz de Galicia levando información de diferentes delegacións: Sarria, Monforte de Lemos, Ferrol, Carballo, Viveiro e Ribeira. Desde 2011 mantense na delegación deste xornal en Lugo.
Catro profesionais do mundo da información, de traxectoria contrastada, que darán a súa visión e debaterán sobre o tratamento actual dos medios de comunicación en relación á violencia machista