Como xa informou o XdL, a Deputación de Lugo anunciou que trala modificación do crédito dos Orzamentos provinciais de 2018, 200.000 euros ían destinados para a construción dunha canceira en Monforte que daría servizo a todo o sur lucense.
Tras este anuncio por parte do goberno provincial, as réplicas e denuncias non deixaron de xurdir. Os animalistas pertencentes á Asociación Libera e Fundación Franz Weber foron os primeiros en opoñerse a esta construción xa que consideran que é un modelo caduco e que o que se debería de fomentar, a través de fondos públicos, é a construción de refuxios para animais.
Por outra banda, dende o partido Chantada-CUP, tamén rexeitan tal iniciativa financiada polo organismo lucense. No seu criterio, a macrocanceira anunciada non vai dar cabida a todos os animais abandonados que se recollen en Terras de Lemos. Dende o seu punto de vista, o feito de que Sarria sexa o concello sureño con maior afluencia de peregrinos, motiva que no concello se abandonen moitos animais. Por outra banda, o punto e recollida de animais de Chantada leva toda a lexislatura sen funcionar. Estes dous concellos xa por si orixinan un gran número de animais na rúa ós que lle hai que sumar os dos retantes 19 concellos que dependen da macrocanceira. Chantada-CUP considera que este tipo de construción soamente orixina máis doenzas, problemas de amoreamento e a conseguinte maior mortalidade dos animais. Ademais, hai problemas para o transporte e rescate dos peludos, sobre todo en concellos que non teñen Policía Local ou Garda Civil.
A solución proposta polo partido chantadino é a construción de pequenos refuxios de animais, que dean servizo a un menor número de concellos, cunhas dimensións adecuadas para poder ser xestionados polas protectoras de cada zona, que teñen un modelo onde prima o benestar animal. Mantendo o mesmo sistema de financiación, poderíase deseñar unha rede comercializadora de refuxios a nivel provincial. Así, no sur lucense deberían existir refuxios en Sarria, Chantada-Ulloa e outro en Monforte que conten cun exhaustivo protocolo de sacrificio eutanásico cando sexa estritamente necesario.