O pasado mércores, 22 de febreiro, o concelleiro de Cultura do Concello de Chantada, Manuel Diéguez, presentaba a XL Feira do Viño de Chantada no restaurante Os Pendellos. No acto estiveron presentes tamén algunhas e algúns das adegueiras e adegueiros participantes, Néstor Quiroga, presidente da Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra, os medios de comunicación e o técnico de Cultura, Ramón Caamaño.
Manuel Diéguez adiantou que o programa terá un ‘carácter continuista’, no que non faltará a música en diferentes formatos, e no apartado de novidades comentou a existencia dunha nova carpa, máis grande e de mellores prestacións, informou de cambios na cata oficial na que haberá un diferente criterio na puntuación, e tamén comentou que este ano non se venderá viño nos toldos do polbo para que cada veciño e visitante o merque nos stands das adegas.
Seguindo coa presentación desvelouse o cartel anunciador, un deseño feito polo veciño Alejandro García, cirurxián e ilustrador. “Coñecino no verán, fixo o cartel das festas patronais 2022 e ensinoume tamén un boceto cun corazón pensando xa na Feira do Viño”, dixo Diéguez. No que respecta ao pregoeiro tamén se fixo público que será Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela.
Aproveitando a presenza de Néstor Quiroga, presidente da Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra, lembrouse que paralelamente desenvolverase a A XIV edición da Feira de Oportunidades e a XIII edición da Mostra de Produtos e Artesanía.
ADEGAS E HORARIOS DE APERTURA DOS POSTOS
Este ano participan un total de 15 adegas, unha máis que o ano pasado: Os Cipreses, Enonatur, Adegas e Viñedos Lareu, Adegas Amedo, Adega Castrofiz, Adegas Condado de Sequeiras, Albarduxe, Vía Romana ,Adegas e Viñedos Adega Cabo do Mundo, Pilares De Belesar, Instinto Romano, Adega Diego de Lemos, Bodega Pincelo, Adega Calexotes e Adega e Santa María de Nogueira.
E no que respecta aos horarios informouse que o venres, 10 de marzo, os stands das adegas pecharán ás 2:30 h. da madrugada. O sábado, 11 de marzo farano ás 3:30 h. e o domingo ás 00:30 h.
TÚNEL DE VIÑO E CATA OFICIAL
O túnel do viño terá un custo de 10 € e celebrarase coma sempre no Auditorio Municipal, a carón mesmo da carpa onde están as adegas. A cata popular seguirase realizando na carpa principal, terá un custo de 5 €, contará coa presenza dun sumiller e haberá premio para os 3 mellores viños xoves. Todas as adegas estarán presentes con todas as referencias que levan á feira este ano.
Respecto da Cata Oficial, haberá cambios no sistema de puntuación. Todos os viños poden acadar ata 100 puntos e optar a diplomas e 4 medallas (distintivos): Vide Gran Ouro, Vide Ouro, Vide Prata e Vide Bronce. Un xurado de 8 catadores oficiais, da Asociación Galega de Enólogos, das Asociacións Galegas de Sumilleres e Prensa Especializada, serán os responsables de conceder as puntuacións.
Será o domingo ás 10:30 h. e ás 15:00 h. farase entrega dos diplomas aos gañadores. Nesta ocasión, dinos Bruno Lovelle –responsable da cata oficial– “non se compite entre viños, o sistema é inclusivo e o que queremos é que os recoñecementos sirvan para darlles promoción”. As adegas distinguidas poderán despois poñer as medallas acadadas nas súas botellas.