Son recorrentes as solicitudes de Por Chantada-IGV sobre a mellora do estado das infraestruturas viarias do termo municipal –que nalgún caso cualifican de calamitoso– con independencia de quen sexa o seu titular (Estado, Xunta, Deputación ou Concello). Así, na pasada lexislatura foron varios os rogos para o arranxo de pistas, e mesmo se levou unha proposta para facer unha relación de pistas catalogándoas polo seu estado de conservación, priorizando o arranxo das que supoñen un maior perigo para a seguridade viaria xa que, como refire a moción, «O desleixo de máis dunha década nas nosas infraestruturas sae caro a toda a cidadanía», aponta Antom Fente, voceiro do grupo municipal de Por Chantada.
Desde a candidatura veciñal aseguran, que este desleixo no caso das estradas titularidade da Deputación de Lugo “é inxustificábel, amais de verificar un trato desigual ao doutros concellos da nosa provincia como Monforte ou Antas nos que o ente provincial semella non escatimar en orzamento para o mantemento das súas estradas ou mesmo rebasa a mesura no proxecto KM0 da Galiza en Antas, mentres na nosa vila non se cubre o básico”.
Nin os escritos dirixidos directamente desde Por Chantada – Interior Galego Vivo á Deputación de Lugo, nin as mocións plenarias aprobadas por unanimidade da Corporación chantadesa sobre o estado das estradas teñen resposta do ente provincial, “unha falta de respeito á veciñanza que percebe como caciquismo que se prioricen os concellos dos altos cargos do PSOE na Deputación”.
Curva do Seixo / Por Chantada
Mais, din desde Por Chantada – IGV, que a inoperancia da Deputación non pode xustificar a inacción municipal, polo que seguirán insistindo na reivindicación dunhas infraestruturas dignas e seguras. E desta teima fai parte a solicitude de ampliación da curva do Seixo na LU-P-1807 que precisa ser ampliada para permitir unha mellor visibilidade e para rematar co risco para a seguridade do tráfico peonil, que é elevado por ser un dos accesos ao campo do Sangoñedo e o principal acceso ás instalacións de ASDEME.
Por último, a moción pretende que o Concello de Chantada estude as posibilidades de adquirir dúas fincas na contorna do Seixo para, tras a oportuna modificación puntual do PXOM, destinalas a zonas verdes, aparcadoiro e celebración de eventos e abrir unha rúa ata a Ponte Nova que conecte con Zaquín.
Curva do Seixo / Por Chantada