Onte, venres 13, inaugurábase a exposición de fotos antigas “O legado que nos une” ás 20:00h. na Casa da Cultura con éxito de público e un coloquio moi interesante. Cónstanos que achegaron moitas fotos veciños e veciñas de Taboada e algunhas chegaron incluso de lugares como Buenos Aires. No ‘Brinde inaugural’ falou o concelleiro Manuel Diéguez e participou o enólogo Roberto Regal.

Para a fin de semana o programa comeza este sábado ás 19:30 h. cunha proposta audiovisual. Trátase da preestrea do documental “Galletas de Xián: un doce legado”.
A continuación, ás 2000 h. haberá unha Cata-Degustación organizada por Artesanía Alimentaria de Galicia e ás 20:30 h. farase a Ruta Osovinícola polos bares de Taboada para gozar do produto estrela na festa tendo previsto un remate á mesma con música a cargo da charanga chantadina Unión Phenosa.
O DÍA GRANDE
O domingo 15 é o día grande da celebración gastronómica emblemática do concello. A apertura do recinto terá lugar ás 11:00 h. podendo atopar nel unha representación de razas autóctonas galegas, un mercado de produtos de artesanía e tamén demostración ao vivo dalgunha das disciplinas artesanais representadas.
Ás 12:30 h. terá lugar o Folión de Cabezudos a cargo da Asociación Cultural Rechouchíos de Taboada e ás 13:30 h. o foco de atención pasará ao pregón. Este ano recae tal responsabilidade na persoa de Mercedes Vázquez, orientadora, mestra e promotora da antiga televisión de Chantada, Televinte.
A continuación, ás 14:00 h. haberá degustación popular do Caldo de Ósos e ás 15:00 h. será o xantar.

Pola tarde, a programación retómase ás 18:00 h. cun obradoiro infantil de Cociña e ás 20:00 h. haberá un concerto a cargo do colectivo Cántigas e Frores.
Como remate, ás 21:30 h. será a cea popular e ás 22:30 h. ofrecerá un concerto-verbena a orquestra Los Satélites.

