A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, demandou a Telefónica que “non corten” a liña de Internet a moitos veciños do concello que recibiron unha carta na que se lles empraza a que se “enganchen” a outras tecnoloxías de Movistar ou se lles cortará pola “vía de cobre”.
En declaracións aos medios este luns, Castro sinalou que isto ten que ver “coa primeira fase do Plan de Telecomunicacións do Estado para pór fibra óptica”, que afecta a Seoane e a Folgoso do Courel.
Agora, a compañía remitiu unha carta na que anuncia que “o 26 cortaranlles Internet, e para iso téñense que enganchar a través de fibra óptica, ondas de radio ou por satélite”.
Precisamente, a alcaldesa incidiu en que “aquí non hai boa cobertura de satélite en moitos puntos, por moito que Telefónica se empeñe en dicir que si”. “No concello encargouse un estudo de sitios onde falta cobertura e Telefónica di que si, que hai unha raia ou dúas, pero iso non é suficiente para ter Internet ou teléfono”, manifestou.
Nestes momentos, subliñou Lola Castro, “están a porlles un aparello no teléfono aos veciños que non poden engancharse e seguen tendo interferencias”.
A iso sumar, continúa, que en Seoane ou en Folgoso “quedan veciños aos que non lles chega a fibra e doutra banda está Santa Eufemia ou Esperante que é onde está o cámping e por aí pasa a fibra óptica pero como non a soliciten non lla pon e cortaranlles Internet”. “O caso é que non funciona ben nin o satélite, nin ondas de radio, nin nada diso”, resumiu a rexedora de Folgoso do Courel.