HomeComarca de QuirogaFolgoso do CourelEduardo de Martís lanza 'Galicia Latente', relato fotográfico por máis de cen...

Eduardo de Martís lanza ‘Galicia Latente’, relato fotográfico por máis de cen concellos galegos

'Galicia Latente', un retrato fotográfico actual e de vangarda sobre o país elaborado e autoeditado polo fotógrafo Eduardo de Martís.

Publicado o

- Advertisement -

O fotógrafo, Eduardo de Martís, presenta o seu libro de fotografía ‘Galicia Latente’ na aldea de Vilar, Folgoso do Courel, o sábado 14 de outubro ás 18:00 na praza da aldea. Así, a asociación Fonte do Milagro do Courel organizará esta presentación. Nela intervirá o propio autor, Eduardo de Martís, acompañado do presidente da asociación, Evaristo Méndez, da zoqueira Elena Ferro, que forma parte do ecosistema de persoas que aparecen no libro, e de veciñanza da zona. Haberá unha exposición fotográfica, coloquio, a actuación musical do grupo tradicional O Érbedo e petiscos do lugar para rematar a xornada.

“O espazo no que iniciar a andaina pública de Galicia Latente non foi escollido ás toas. Os incendios arrasaron a aldea de Vilar no 2022, e para min ten moito significado presentar aquí este traballo canda á veciñanza”, explica o fotógrafo. Galicia Latente recolle máis de 170 fotografías introducidas por un texto do antropólogo Rafael Quintía e un pequeno prólogo do propio autor. Para construír este retrato da Galiza actual, Eduardo de Martís percorreu máis de 140 puntos da xeografía galega durante os últimos tres anos, dende O Courel ata Vigo, dende Muxía ata Viana do Bolo, en conversa coa xente.

A prevenda do libro, cun 20% de desconto, estará dispoñible ata o próximo xoves, 2 de novembro. Ademais, de Martís destinará o 5% dos fondos recadados a través desta oferta anticipada á campaña solidaria #TiPodesParalos impulsada pola asociación ecoloxista ADEGA para frear a vaga eólica no Courel e noutros valiosos espazos naturais e patrimoniais de Galiza.

Unha Galicia diversa

‘Galicia Latente’ trátase dun traballo de corte etnográfico que, en palabras do seu autor, busca ser unha “xanela aberta a unha Galiza diversa, moderna, e con potencial de futuro”, lonxe de tópicos e estereotipacións que ás veces a reducen a unha foto fixa das tradicións. Así, Galicia Latente conta un relato novo e único dos retos e oportunidades da cultura galega, da man de persoas anónimas -un grupo de mocidade xogando á baralla, unha veciña escocesa afincada na Coruña e neofalante, as vendedoras de grelos na estrada N-550…-, e tamén da man doutras máis coñecidas, como Elena Ferro, renovadora dos zocos tradicionais, as compoñentes dos grupos Fillas de Cassandra ou Tanxugueiras, o poeta Ismael Ramos ou a chef Lucía Freitas. Todas elas son, explica o autor, “latexos culturais emerxentes”.

Pódese dicir que o fío que une a meirande parte das fotografías deste libro é a innovación desde a tradición. “Cada páxina vai creando unha radiografía sobre cada un de nós. Son realidades que temos ao noso carón, que nos desafían, que nos alentan, e que nos abocan a enfrontar o noso porvir (individual e colectivo). Neste xogo só podemos atinar ou errar. Ter unha identidade propia ou ser quen nos digan ser”, expresa o autor. Nesta viaxe, Eduardo de Martís proponnos parar, baixar do mare mágnum e ollar o latexo da Galiza diversa que habitamos.

Eduardo de Martís

Eduardo de Martís (A Catuxa -Arteixo-, 1974) é un fotógrafo documental con máis de 18 anos de experiencia. O proxecto Galicia Latente naceu no seu maxín xa no ano 2005, e saiu á luz por primeira vez no 2009 cunha exposición fotográfica no Trocadero, en París, e outra no Parlamento Europeo un ano máis tarde. Trátase dun proxecto feito a lume manso que agora comeza unha nova singradura a través deste libro, ao observar o autor toda unha revolución cultural en Galiza que sentía a necesidade de retratar.

ÚLTIMAS

A tradicional ‘panceta ao espeto e o chourizo asado’ nas Festas do San Vicente en Margaride

Margaride de Lor, parroquia do Concello de Quiroga, estará de festas a vindeira fin...

Chantada celebra o 14 de febreiro o Desfile de Comparsas con 6.000€ en premios

O Concello de Chantada, co obxectivo de promocionar e conservar as tradicións vinculadas co...

Quiroga abre o prazo para participar no concurso de carteis que anunciará a Feira do Viño

O tema central do cartel será a Feira do Viño de Quiroga, reflectindo a...

155.000€ para impulsar 18 comercios da zona sur da provincia

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou este martes algúns dos...